Buscar
viernes, 03 de mayo de 2024 00:00h.

V Día Lugrís

Meu gran Urbano, escríboche na badía de Muros a bordo dunha goleta cargada de esmeraldas. Somentes ti podes imaxinar a marabilla que fai o sol brincado de proa a popa. O capitán é un maltés de ollos garzos, barba saladina e un amuleto de nácar sobor do peito. É un home prevenido,  en Quios arrecadou corenta odres de viño brillador e temos festa decote (…) No mencer ergueremos áncoras rumbo a Amberes. ¡Ouh o pantrigo fresco, as vellas tabernas latexantes de acordeón, as tendas estrañas co seu dono de anteollos de cuncha! Mercareiche tódalas pezas de alquimista que atope. Gostaríame que viñeses comigo a contemplar as lizgairas fragatas beilando na badía...Sei que outros horizontes che entreteñen. En que navío andará agora a túa outa humanidade. Lémbrome de cando nos atopamos no porto de Nassau, navegabas entón nun cachemare de leve proa e arriscada vela. O cargamento de ron fixera a túa voz ronca e lonxana. Como queimaba o sol nas amplias praias de Xamaica. Foi alí onde coñecemos a Desdémona e a Niobe…
Velaí un dos textos máis fermosos que coñezo de toda a historia da literatura. Un fragmento da carta Gnómica que en 1959, escribiu Avilés de Taramancos ao seu amigo, o pintor Urbano Lugrís, habitantes excelsos desta cidade-barco.
Como todos os anos –menos derrotismo e máis surrealismo ! - este sábado celebraremos unha nova edición do Día Lugrís. 
O colectivo literario In Nave Civitas xa ten todo disposto para que vostede se enrole na tripulación.
Este é o noso plan de ruta: Ás cinco da tarde, inauguración do mural que recrea unha obra do mestre na Praza de José Sellier,  seguido do obradoiro de paraugas pintados. Manifestación atlántica dende a Praza de Sellier até o Xardín de San Carlos, onde representaremos o primeiro encontro entre Lugrís e Avilés. 
Por fin no Monty Ambigú, praza do Papagaio, recital poético cos vates do mar,  Serafín Mourelle, patrón do Gran Sol, Xosé Iglesias, patrón do mar de María Antonia, e Manuel O`Rivas.
Como aperitivo, este xoves recuncarei cos “Contos do Mar de Irlanda” na Libraría Nova Colón, rúa San Andrés, para dar un paseo do “ganchete”  con Lugrís e Avilés, parella prodixiosa que iluminou nos anos cincuenta estas rúas do centro da cidade.
Entre tanta luz submarina, a reivindicación. Seguimos reclamando protección e medios para restaurar o mural do mestre que campa no medio da Rúa Real, no interior do café Veccio. 
“Menos derrotismo e máis surrealismo”. O vindeiro sábado - o que pintou a Marola pintou a Mar toda !- V edición do Día Lugrís. 
Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco