Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

Unha última hora de hai 200 anos: Porlier

Últimas noticias, segundo fontes xeralmente ben informadas, o mariscal revolucionario Juan Díaz Porlier foi detido onte á noite en Ordes, cando se dirixía dende A Coruña a Santiago ao mando dun forte continxente militar.
Os feitos aconteceron no Mesón Deus, tamén coñecido como casa Biqueira. Perto da madrugada, cando o mariscal se encontraba escribindo onda lume foi traizoado polos seus propios homes, en concreto por un grupo de sarxentos, ao parecer subornados por membros do Cabido compostelán. O resto das súas tropas, ao verse sen mando, rendéronse sen opor resistencia. Porlier foi trasladado á Coruña, onde agora se encontra a espera de xuízo. Seguiremos informando.
Así comezaría, se existise entón a radio, o boletín informativo de hai douscentos anos. 
O mariscal Porlier heroe da guerra contra os franceses, fracasa na súa tentativa de golpe liberal. Os feitos precipítanse cara o que se intúe un triste final.
Se podo reivindicar a efeméride é grazas ao escritor, natural de Ordes, Jacobo Ríos e a colectivo literario In Nave Civitas. A súa paixón pola historia ilumina o presente, e consegue que a estatua de Porlier que campa no Campo da Leña, agora oficialmente praza de España, se converta nunha lección de cultura e vida. 
Poñámonos en situación pois do que acontecía, xustamente aquí, na Coruña de hai douscentos anos. 
Os franceses de Napoleón foran militarmente derrotados. Mais as ideas da súa Revolución ían arraigar para sempre nesta terra. 
“Marchemos todos juntos y yo el primero por la senda de la constitución”, proclamara o rei Fernando VII . Axiña esqueceu estas palabras para tentar volver ao de antes, o Antigo Rexime, onde non había cidadáns, senón súbditos. Algúns dos militares que por el loitaran non estaban de acordo. Os liberais, Porlier á fronte, que reivindicaban réxime constitucional. Uns meses antes por unha desas revoltas fóra detido e trasladado dende Madrid ás celas escuras do castelo de San Antón. Houbo algo de clemencia e antes de que a humidade lle desfixese o lombo, permitíuselle recuperar a saúde nos Baños de Arteixo. Recuperouse ben. Axiña comezou a conspirar cos liberais da volta, entre eles Sinforiano López, si, outro ilustre descoñecido do rueiro actual. Co arroallo da mocidade, tiña vinte e sete anos, o 19 de setembro de 1815 Porlier chamou ás armas ás tropas coruñesas, e dirixiuse cara Santiago. Xa saben, tal día como onte hai dous séculos, foi detido en Ordes.
O sábado 3 de outubro, o colectivo In Nave Civitas recreará no Campo da Leña o final desta historia. Están todas e todos convidados, adianto que non será un final especialmente feliz. Ademais de Campo da Leña, tamén lle dicían entón: o Campo do Aforcado. 
Por certo O Mesón Deus aínda continúa aberto na entrada de Ordes.
Douscentos anos da revolución liberal de Juan Díaz Porlier, seguiremos informando.