Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 12:39h.

Talento coruñento

Confésoo abertamente, están escoitando unha gravación. Xusto neste instante, estou a vivir como público un momento coruñento especialmente intenso no auditorio do Conservatorio Superior de Música. Richi Casás, saxofonista superdotado da Agra do Orzán, cunha ampla experiencia emocional en institucións sonoras da cidade -dende Os Satélites os Papaqueixos- está a interpretar co seu ensamble o traballo de grao no conservatorio de jazz. Un concerto no que redunda unha vez máis nunha alquimia na que somos inventores e mestres na cidade: o encontro entre o jazz e a música tradicional.

Agora tiro cara Suíza. De alí chegou, ano 78, a musicóloga Dorothé Schubart. Percorrera media Europa, nomeadamente as montañas do Cáucaso e os Balcáns, na procura das derradeira pegadas de música tradicional que quedaban vivas no Vello Continente. Entón descubriu a marabilla: Galiza. Cinco anos traballou por acó, absolutamente enfeitizada coa fecundidade e o talento dos músicos populares desta terra. No seu cancioneiro aparecen motísimos artistas, entre eles Florencio da Fontaneira, o cego dos Vilares, o derradeiro cego andante, que  cantaba co seu violín polas feiras:

Boas tardes Maruxiña,

vouche dicir unha cousa:

Se ti me queres a min,

eu non me caso con outra.

Dorothé sentiu unha atracción especial por dúas señoras, Rosa e a súa tía Adolfina Casás, de Cerceda.Pois ben, Rosa é a avoa de Richi, o jazzmen, virtuosos do saxofón, do que falei ao comezo. O curioso, e o triste, é que Richi, que recibiu na Coruña unha fecunda formación musical, tardou moito tempo en saber do talento da súa avoa da aldea. Mais as cousas chegan. E esas cantareas son argumento do concerto de fin de carreira que agora a mesmo está a desenvolver. A primeira vez que, a carón dun ensamble jazzístico, entran unhas pandeireteiras, Eudemónicas, no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Somos un pobo de artistas. E alén de valorar os creadores que recalan decote por acó, estamos constantemente a inventar novos proxectos, novas realidades musicais, que contan, que cantan este espazo abenzoado que habitamos. Esta pedra chantada no medio dos camiños do mar, A Coruña.

Si, estean tranquilos. Alén deste concerto académico, o proxecto de Richi Casás coas melodías da súa avoa terá continuidade. Probablemente o seguinte concerto será en Cerceda. En concreto no túnel da antiga vía do tren abandonada. Ten unha acústica, comenta Richi, insuperable.

Insisto, somos un pobo de artistas: Talento coruñento…E non che hai límites, se sabemos impulsalo, cun chisco de imaxinación.