Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

O Romance de Porlier

En Cartagena de Indias
na outra banda do mare
naceu Juan Díaz Porlier
que foi un gran militare.

Así comeza o romance de cego, que compuxo o Rucho, un coruñés de Cacabelos, sobre unha última hora de hai douscentos anos: A revolución e morte do mariscal Porlier. Este sábado poderémolo escoitar enteiro á unha da tarde, na voz de Moncho do Orzán, xusto no lugar onde o heroe liberal foi aforcado: O Campo da Leña. Necesaria lembranza de tan significados feitos que promove o colectivo In Nave Civitas.
Para aliviar a espera, e como unha deferencia especial, o Rucho, permítenos adiantar algún petisco. 
Outono de 1815. Rematou a guerra contra o francés. Viva la Pepa !  Marchemos todos juntos y yo el primero por la senda de la Constitución!  Proclamou Fernando VII. Mais axiña esqueceu esas palabras e volveu ao rego do absolutismo redondo. Pero xa hai moito liberal, tamén no exército…
(…)
O perxuro do Borbón
molestou os militares
pero máis lles enfadou
que a paga non chegase.
Comezaron a falar
e o seu cabreo mostrare:
Porlier, rebelde de seu,
non paraba de rosmare.
E nun xuízo ben sumario
tivo pena inapelable:
«Confinado na Coruña
un bo tempo vas pasare».
E chegou a San Anton
a cumprir a súa condena
e alá trabou relación
con xente da súa idea.
O seu cabreo medrou
cando estaba na cadea
e gañou a liberdade
grazas a unha argadela.
O alto mando deixoulle
tras alegar un catarro
no balneario de Arteixo
ir aló tomar os baños.
Andrés Rojo, un liberal
en Pastoriza afincado
argallou a rebelión
con Juan Díaz matinando.
(…)
Tras organizar as tropas
Porlier vai cara Santiago
seguido polos seus homes
quer' derrocar ao Prelado
e proclamará a Pepa
coa Berenguela soando.
A noite pasan en Ordes
nun Mesón acuartelados
e cando ninguén o agarda
rodéanos os soldados.
Un dos seus o traizoara:
que El-Rei lle dera máis cartos.
(…)
O xuízo foi por traizón,
a el que fora traizoado.
A condena foi a morte
tanto el tiña matado.
E no Campo da Leña
levantaron o cadalso
e penduraron a corda
na que sería colgado.
Porque o Estado non perdoa
a quen non é ben mandado
e hoxe lle colga medallas
e mañá el é o colgado.

Vémonos este sábado á unha da tarde. CC anos da morte de Porlier, no Campo da Leña.