Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

O prato do Titanic

Aínda que as portas do porto estean sempre pechadas, os máis grandes tesouros chegaron sempre a esta cidade por mar. Ás veces o obxecto máis humilde garda a maior das sorpresas. Nunha virada do ano 81, AntonioVarela, patrón do Pakea Lurrean, atopou entre o peixe un prato cativo moi aqueladiño. Cando recalou no Muro, regaloullo ao seu fillo -daquela tiña catro anos- para que cada día á hora da merenda lembrase que o pai andaba lonxe, a gañar o pan nesas leiras submarinas.
O neno Toni medrou. Moitos anos despois un día no cinema sentiu un arrepío. Foron estas tres palabras que saltaron da gran pantalla, White Star Line, xusto a lenda que campaba no fondo do seu prato. Taquicardia de pálpebra. Xa lle prestaba a película, a partir dese instante concentrou nela a atención toda. Tardou ben en chegar. Despois dunha hora de tensión cervical, viuna claramente. Si, un actor sostiña un papel timbrado coa bandeira vermella e a estrela branca. A mesma bandeira que adornaba o seu prato do Gran Sol.  
White Star Line, só foron uns fotogramas. Luz dabondo para que Toni tivese a necesidade de berrar. Contívose. Difícil excitación, como explicar na escuridade dun patio de butacas que, case con toda certeza, tiña na casa unha peza da vaixela do Titanic.
Con motivo do centenario, en 2012 organizouse en Barcelona unha magna exposición sobre o afundimento do máis famoso transatlántico. Alí chegou Toni co seu prato, alí os expertos submarinos certificaron abraiados súa autenticidade. Unha peza orixinal, da vaixela de terceira clase, fabricada pola compañía de louza checa Pirkenhammer. 
O prato gransoleiro posúe ademais un valor especial. Cando Antonio Varela o apañou do leito do océano –ano 1981- aínda non foran localizados os restos afundimento. Velaí pois para a historia –e para os coleccionistas que pagan ben- o primeiro obxecto recuperado do Titanic.
O portentoso transatlántico saíu de Southamptom e tocou o porto francés de Cherburgo. Dirixiuse deseguido cara Coub –entón Queenstown –, navegando xusto por enriba deses mares nos que só dúas décadas despois ían comezar a arar os barcos galegos. Nesa travesía alguén debeu arrebolar o prato ao océano. O prato do Titanic, do mar de Irlanda á Coruña do mar. Feliz descoido ou arroutada, para que moito tempo despois Toni puidese recibir, nunha recalada do pai no Muro –alucinante cidade atlántica-, un agasallo modesto, absolutamente marabilloso.