Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 16:05h.

Piropos para Pucho Boedo

Pucho guapo!,bonito!,cachondo!, creo que polos Castros, Cidade Vella ou Labañou aínda resoan os piropos que lle botamos onte nas festas do Ventorrillo, diante da súa estatua, a Pucho Boedo. Homenaxe ao mestre da canción coruñesa. Con música de poder a poder: Parabéns, auténtica selección da canción popular, dende a tasca ao alto escenario. E a orquestra das orquestras, Os Satélites. 
Somos un pobo de artistas. Abenzoada cidade esta na que o gran heroe non é un guerreiro, senón un vocalista: A Pucho pásalle como a Carlos Gardel. Cada día canta mellor.
É un mito verdadeiro. Os seus valedores non foron nin os críticos, nin os grandes medios de comunicación. Os seus valedores somos nós as persoas, que lle redemos gratitude eterna por tanta beleza que nos ten regalado.
Pucho Boedo, nado n’A Silva, 1928, no lugar da Ramalleira. Cunha fecunda formación que saíu das rúas desta cidade. 
Devorou de novo as películas de Carlos Gardel, sesión dobre no cine París.  Debutou na Silva (diante da taberna de Xulia). E iniciouse no trópico cos Satélites, naquela viaxe, ano 54, a Venezuela. Reencotrouse despois cos Trovadores. Hai quen di  que así chamados polas “trobas” que lucía Pucho ( pioneiro, antes que os Beatles en campar co pelo longo). E descubriu a chanson francesa, cos Tamara,  da man do propio Jacques Brell no Olympia de París.                 Pucho, dandi bohemio, conquistador…O sorriso do crooner agachaba unha grande dor. O seu pai e o seu irmán, lideres sindicalistas daquela Coruña libertaria, foron asasinados tras do golpe de estado que puxo fin á República. Pucho tiña sete anos. 
Unha dor da que non lle estaba permitido falar, mais que podía expresar a fin cando subía ao escenario. 
Por iso cando o seu amigo Prudencio Romo lle entregou os versos de Curros, Rosalía e Celso Emilio Ferreiro, naceu algo tan fondo que nos vai emocionar sempre. 
Pucho, aquel rapaciño da Silva. Dicían que de pequecho cantaban tan ben que as mulleres no río paraban de lavar. Cando lle cambie a voz, acábase Pucho, dicían os expertos. Cambioulle a voz e converteuse nun mito
Marchou no ano 86. A súa emoción e, sobre todo a súa escola, continúa. Onte cos Satélites e Parabéns honrámolo no Ventorrillo. 
Señor da canción coruñesa, que o talento dos novos artistas sexa digno da ledicia do teu nome: Pucho Boedo!