Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 09:22h.

Orzánico ritual

Son unha persoa afortunada. Principio a temporada co alento dunha experiencia marabillosa. O día un do mes que onte rematou tiven a honra de ser pregoeiro das Festas da Coruña. 
Con humildade e vehemencia, levamos a María Pita –polo menos así o intentei- a mellor tradición coruñesa da música popular: Satélites, Trovadores, Cántigas da Terra, rock atlántico e música de carnaval.
Aproveito este saúdo para dar publicamente as grazas a todas, a todos os presentes, por tanto cariño, por tanta complicidade, e por tanta melodía compartida. Tocoume o premio maior, “Lucem candidiore nota” en palabras do poeta latino Catulo.  Ou directamente en coruñés redondo:  Neno, tremendo grelo ! 
Eu son dos Mallos, son de Labañou
Son da Gaiteira, son do Castrillón
Pola Agra, por Monelos
Universo coruñento
Neno, tremendo grelo !
O pregón da cidade-barco, porque a Coruña é música e é mar. 
Ao estilo do libro Luís Seoane, triunfador en Nova York, non pode haber saúdo coruñento sen unha Homenaxe á Torre de Hércules, que é o mesmo que unha homenaxe á luz !
Dixo Arsenio Iglesias:
Somos como o mar da Torre, fortes, bravos, elegantes e cabaleiros. Somos como o mar da Torre, esa é a esencia do ser coruñés.
E Pucho Boedo cantou:
Torre d’Hércules da Cruña
Señora de todo o mar
Luz antiga que nos guías
Dános sempre o teu solaz
Nesta apertura  da tempada convoco solemnemente á beleza. 
Ese mar da Coruña –entre Sisargas e Prior- que se albisca dende o alto do faro. E que, aínda que os terrícolas non o saibamos, ten nome, e  ten nome de muller. 
Saúde e beleza: Mar de María Antonia !
 A Coruña é a música. A repetir teimuda na alta madrugada -cando cala o boureo do seres humanos-, a palabra perfecta, ese retrouso que levamos no máis fondo no noso ADN: Orzán ! 
Palabra perfecta, insisto, que principia cun O redondo, como é redonda a badía. Colle velocidade no R. E estoupa por fin nese Z fricativo, nese Á, acentuado, nese N que é pingas e escuma de onda.
Orzán !Orzán ! Ooorzán !
Ritual coruñés que  asolagou María Pita, con miles de persoas a entoar, collidas das mans, este brado marabilloso. 
Tremendo grelo! E, de remate –xa o dixo Alexandre de Fisterra, inventor do futbolín-, de remate…que  continúe ! Felices singraduras pois para todas, para todos os que principian tamén a temporada nesta cidade-barco. Xuntas, xuntos, navegamos.
Ooorrrzán !