Buscar
viernes, 17 de mayo de 2024 00:00h.

Monte Alto, Monte Pindo

Alegría en Monte-Alto, este sábado pola mañá teremos a primeira romaría da primavera. Monte-Alto/ Monte Pindo, a festa do carballo que hai tres anos foi plantado no campo de Marte, como alianza entre estes dous míticos outeiros.  
Amizade feita árbore entre a rúa da Torre –epicentro do antroido coruñés- e a impoñente marabilla do Monte Pindo, Espazo de vida, onde a natureza puxo a traballar os seus grandes artistas           -pedra, vento, río, océano- para nos dar solaz: Outeiros da Moa, Castelo de San Xurxo, Penafiel, fervenza do Ézaro, praia de Carnota, visión prodixiosa do mar Fisterra.
Foi unha iniciativa da “Asociación de Veciños de Monte-Alto” e “Monte Pindo, Parque Natural”,  agrupación que como o seu nome indica, e así o lembrou naquela data o seu presidente Xilberto,  reclama a maior protección para esta marabilla.
Día fermosísimo, co saúdo da chuvia e da raiola de sol.  O debut mundial de Palavea Bravú, gaiteiros ! E un lote de rapaces e rapazas que fixeron a súa achega de terra para que medre vizoso o que será para sempre o seu carballo ! Un xeito ben fermoso de dicir: Primavera.
Xa llelo contei hai sete días. Mesmo para a propia ciencia meteorolóxica o cucar do cuco é o sinal definitivo da chegada da nova estación. 
Dende hai tres anos na Coruña, en Monte-Alto, recibímola con outro ritual. Cada mes de marzo celébrase no Campo de Marte esta  Romaría do Carballo do Monte Pindo. 
Contaba Manuel Rivas que no instituto de Monelos tiña un compañeiro de Mazaricos, dunha aldea perto do Pindo. Dicíalle: “son de tan lonxe que non che sei explicar”.  Mais agora medra este carballo no Campo de Marte, para ollar cara dentro o mar de Fisterra. E se hai dous anos os outeiros do Pindo sufriron o andazo do lume (xa saben, a administración tivo que gastar nos labores contra o incendio moitísimo máis do que non quixo gastar antes en protexelo), velaí este carballo, soño feito árbore, a expresar o noso compromiso –nomeadamente o da xente máis nova- co coidado da natureza. Xa o dixo Cunqueiro, soñar é resistir !
Dentro de trinta anos cando os nosos corpos, estean velliños e cangados, o carballo do Pindo será  sombra vizosa, e mesmo ha cucar o cuco nunha das súas polas. Si, felicidades á “Asociación de Veciños” e a “Monte Pindo, Parque Natural”. Este sábado, ás doce, onde o novo carballo, habemos berrar xuntos: primavera!