Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

O mar tamén ten mulleres

O mar tamén ten amores

O mar tamén ten mulleres

Sempre que acudimos os contos do mar pensamos en grandes patróns, arpoeiros de antes e salgadores de bacallau. Mais, como proclama a cántiga, o mar tamén ten mulleres. Este venres, no festival Mar de Mares, no Palexco, tiven ocasión de comprobalo abofé.

Parolada fecunda, con Rosa, redeira de Corme, e mais Lola, mariscadora, e patroa maior de Camariñas.

Invisibles para o terrícola. Dous oficios alucinantes. A redeira, a man que ten ollos, quen palpar os fondos mariños coa punta dos seus dedos. Atadeiras, naturalistas de peirao, quen de crear o aparello preciso para cada peixe e cada lugar.

Nesta terra de mulleres/Que sementan

Berberchos na ribeira/ E patacas na leira.

Tal cantan as Garotas da Ribeira. E tal o oficio é de Lola, de Camariñas. Mariscadoras que literalmente sementan e recollen a súa colleita -ameixa, berberecho e longueirón- no medio na ría. Moito se fala hoxe de piscifactorías. E nunca se cita á mellor e mais antiga acuicultura: as mariscadoras.

Temos as rías máis fecundas do mundo. Non é unha proclama chauvinista, é simplemente o dato científico. Por iso a día de hoxe, grandes multinacionais presionan, neste caso ao goberno da Xunta, para poder ocupalas.

Mais ninguén consentiría que nun restaurante de alto copete lle servisen peixe de piscifactoría. Diante diso, a outra acuicultura, a das mariscadoras, achega – aquí e en Nova York- o mellor produto do mundo.  

Este o futuro que debemos procurar: a calidade, a excelencia. Tamén aquí na ría do Burgo, esquecida, abandonada. Aquela que hai vinte anos daba traballo a dúas mil persoas (agora quedan cen). Quen de impulsar, insisto, se entendésemos dunha vez o seu valor, a toda a hostalería local. Esa que, algún día, ha ter esas  ameixas no máis alto da súa carta.

O mar tamén ten mulleres. Ao remate da conversa no Palexco, como non quere a cousa, Rosa comentou que con anacos de aparello e as súas “manciñas” tamén deseñan bolsos e colares. Hai pouco foron seleccionadas para un encontro na capital da moda, Milán, e acadaron o éxito total.

Lembroume a Díaz Pardo: Unha presa de caolín non vale nada. Esa area vírase marabilla transformada en cunca de Sargadelos. Atadeiras e mariscadoras, mulleres revolucionarias que converten en excelencia e futuro a marabilla que habitamos. Grazas mestras!