Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

Liberdade, igualdade, fraternidade

Liberdade, igualdade, fraternidade.

Aínda que non teña absolutamente nada novo que dicir, calquera comentario cívico nestes días tense que dirixir directamente cara París, para expresar unha vez máis a nosa solidariedade –en termos da revolución francesa fraternidade- coas familias das vítimas de tan terrible asasinato, e con toda esa sociedade golpeada directamente coa gadoupa do terror.

Liberdade, igualdade, fraternidade. Alén dun sentimento de filantropía elemental, esa xeografía tamén é nosa. E eses escenarios do horror –agora, grazas á grande reacción cívica, tamén de esperanza- son lugares moi próximos, onde moitas e moitos fomos absolutamente felices.

Por expresalo con efemérides da tribo: Rúas de París, esas que souberon do sorriso de Pucho Boedo, triunfador, acarón de Jacques Brell na Sala Olympia. Por eses calexóns de Pigalle, o fillo dun de Vilalba, Manu Chao, inventou co conxunto “Les Carayos” o gipsy-rock. E nos quioscos da ribeira do Sena apañou Carlos Díaz, un das Atochas, as fotografías antigas coas que compuxo un libro excelente: “A Memoria da Coruña”.

Diante da intolerancia, tolerancia cero. Diante do horror só hai unha resposta: Liberdade, igualdade, fraternidade !

Unha actitude ética, cotiá, que podemos practicar cada un de nós, cidadáns de a pé. Esas, eses que nunca teremos acceso ás claves últimas -coas súas hipocrisías- da alta política internacional.

Liberdade, igualdade, fraternidade.Valores que agromaron no século XVIII, mais que, por pouco estendidos, seguen a ser revolucionarios

Na Coruña os seus nomes iluminaron tres rúas: Rúa Liberdade, rúa Igualdade, rúa Fraternidade. Formalmente todos dicimos asumir estes principios. Mais aínda as rúas seguen a se chamar: Xustiza, Traballo e Disciplina.

Unha aperta solidaria até as ribeiras do Sena.

Liberdade, igualdade, fraternidade...Sabía receita que dende aló nos chegou para inventar outro futuro.