Buscar
sábado, 04 de mayo de 2024 00:00h.

Helicóptero na Torre

Aconteceu xa hai algúns anos. Debía realizarlle unha entrevista a un percebeiro. Esa épica dos que  agatuñan polas rochas máis rabudas para arrincar os tesouros do mar. Preguntei por Corme, por Cedeira, non acababa de pechar o contacto. Díxome alguén:

Ti es parvo Xurxo!, andas buscando  lonxe, e a carón da túa casa, en Monte-Alto, tes percebeiros a eito.

Efectivamente eu era parvo, velaí o bar Tolín, campamento base dos percebeiros que traballan ao pé da Torre de Hércules.

Alí coñecín a un sabio, Milucho Mariñas, o home que percorreu as pedras todas dende Avilés a Corrubedo. Tamén a dous rapaces. Ao comezo non querían falar moito, despois, se cadra, falaron de mais. Un día estaban apañando percebes na Rabaleira, moi perto da Torre. Situación alegal, por non dicir profundamente ilegal: había veda.      

De súpeto pasou por riba deles un helicóptero:

Neno, xa nos viron, é o helicóptero da comandancia de mariña, vainos caer unha boa multa !…

Ían escapar, mais tentaron acabar de arrincar unha piña de percebe. E volve pasar o helicóptero:

Desta non zafamos, imos ao caldeiro seguro, neno !

E aínda si, déronlle un golpe máis coa ferrada a ver se viña o percebe ese. E volve o helicóptero. Párase xusto na súa vertical, peitéalles as guedellas. Tiran con todo, saen correndo e, cando chegan arriba, descobren o que está a acontecer:

Era… o helicóptero da Volta Ciclista a España que pasaba pola Coruña. O realizador quedara fascinado coa visión dos percebeiros ao pé do faro romano.

Cando chegaron ao Tolín, fodidos, conforme entraron pola porta dixéronlles os compañeiros:

Que guapos saístes da televisión !

Os percebeiros na Rabaleira, imaxe diáfana para ilustrar as 15.000 realidades paralelas que conviven no noso presente.

Ai do pois dos insensatos que pretenderon posuír en exclusiva a música deste universo. A Coruña, cidade-barco. Como di o vello fado portugués: Cantiga da rúa vive, independente. É de toda a xente, non é de ninguén.

Medre o Mar !