Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

Finita Gay

Como me acontece en cada primavera, hoxe erguinme pensando en Finita Gay. Quizá non lle soe o nome, e debería porque Finita foi a grande estrela destas Mariñas, a primeira muller que, alá nos anos corenta subiu a un escenario no campo da festa.                                                                                   Nacera no lugar da Martela, pola parte de Castelo. Era compañeira da tía de Manolo Rivas, daquelas costureiras que andaban de casa en casa coa máquina de coser na cabeza. Tocou na parroquia a orquestra Mallo, grandes acordeonistas, saíu de espontánea cantar unha peza e deixou enfeitizada á xente toda. Xa non puido baixar do palco.                   
Finita triunfou nas Mariñas, de Betanzos á Coruña, coa orquestra Guiliade e o seu baile da Raspita. Mais decidiu romper. Tras dun amor desgraciado marchou co seu fillo, un cativiño de meses a Venezuela. Alí seguiu cantando. Até que casou cun italiano repunante que lle prohibiu volver actuar. Finita tivo que adaptarse, mais non renunciou os seus soños. Seguiu traballando de modista, criou o fillo. E,  cando o home morreu, volveu e investiu os aforros todos nun café-cantante en Tabeaio: A Martela….Dicíanlle que sería un fracaso, que xa estaba moi vella, que xa ninguén se ía lembrar dela…Pois viñeron os seguidores de antes, conquistou á xente nova, e mesmo armou un corrido VIEJA para contestar a tanto agoiro:
Las canas que me ven blanqueando ya 
Reflejan que yo estoy envejecida
Pero eso es por fuerita y nada más 
Por dentro soy amor en carne viva.
Finita apostou todo a un carta e gañou… e rabuñou noite a noite a felicidade como estrela da Martela até o día que unha rápida enfermidade nola roubou.                                                                                     Agora que na Coruña está agromando unha nova fornada de artistas extraordinarias. Velaí os nomes de Lydia Botana ou Sés. Lémbrome de Finita porque precisamos referentes. E  diante do fracaso de tanto listo-gerifalte que tanto sabían e demostraron  que non sabían nada, diante do medo, da incerteza, só temos un antídoto: a ilusión das persoas.  Un terreo no que Finita tamén era unha estrela. E mesmo legou para o futuro un modelo de ética emprendedora: Rigor, esforzo e alegría: Ou como ela mesma comentaba: Eu son dúas persoas: Finita Gay, a artista.E a Martela, a empresaria. Como empresaria son durísima. Como artista, son marabillosa!