Buscar
viernes, 03 de mayo de 2024 04:57h.

O día dos enganos

“O un de abril van os burros onde non teñen que ir”, e que ninguén se dea por aludido. Non fago ironía ningunha sobre quen escolleu un destino vacacional equivocado para esta Semana Santa. “O un de abril van os burros onde non teñen que ir” é tan só a verbalización dun retrouso popular, que documenta a data de mañá como Día dos Enganos.
As bromas e brincadeiras que en España se asocian ao 28 de decembro -como Día dos Inocentes- celébranse en Portugal, en toda Europa Occidental e, como demostra o refrán, até hai ben pouco en Galiza, nesta outra data: un de abril, ou sexa mañá, Día dos Enganos. 
En Francia os rapaces tentan pendurarche un recorte con forma de peixe nas costas, e en Escocia mandan o inocente ir cazar cotobelos….si, todos aprendemos a técnica na infancia: Cotobelo, belo, ven, cotobelo, belo, vai.
Coma sempre, a festa parece que ten orixe romana: o festival da Cerelia, Proserpina raptada por Plutón e buscada inutilmente pola súa nai. De aí xurdiu a teima de mandar buscar o que nunca pode ser atopado. 
Por esta banda, o Día dos Enganos conviviu perfectamente durante séculos co Día dos Inocencentes até unha data ben concreta: o de 1 abril de 1939, ou sexa a data de remate da Guerra Civil. Glorioso día da vitoria, e burros que van onde non teñen que ir, dous retrousos que moi ben non cadraban para as autoridades franquistas.
Todo argumento é bo para a opción alegría. Aínda quedan unhas horas para reinventar a data e enxarmar novas brincadeiras. E, se algún fociño revirado se ofende, ofrecédelle estes argumentos 
(dobre condena: trosma e falta de ignorancia).
En cuestión de brincadeiras acudo a un especialista: Urbano Lugrís, excelso pintor, a quen a lenda atribúe as bromas máis intensas desta cidade. No paseo polos Catóns a poderosa humanidade do pintor abrazou afectuosamente a un transeúnte: 
- Papa, Papá!
- Desculpe, mozo, mais eu non son o seu pai.
- Perdón! 
Lugrís correu ás presas cara a Rúa Nova, deu a volta pola Rúa da Estrela, Santa Catarina, Cantón, até que volveu atoparse co mesmo transeúnte:  
-Papa, papa! Acabo de ver a un imbécil que era cuspidiño a ti!
Mañá é un de abril –neuronas alerta-, xa saben, onde van os burros onde non teñen que ir.