Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 18:18h.

Cultura que une

Hoxe principia na Coruña un grande encontro entre artistas galegos e portugueses.

Será ás sete e media da tarde, no xardín de San Carlos, na Cidade Vella, cun recital con textos de poetas clásicos de ambas as dúas literaturas.

De seguido, unha mesa redonda na Academia, e a continuación e até o sábado –sen acougo- música, pintura, poesía literatura. Sempre en diferentes espazos deste entorno alucinante que chamamos Cidade Vella.

Cultura que une.

Menos mal que nos queda Portugal, seguro que estarán a pensar moitas e moitos en honra a aquel disco de Siniestro, emblema dunha xeración.

Afortunadamente, o conto e o encontro véñenche de moito máis atrás.

Como lembra un dos principais impulsores do evento, Moncho do Orzán: xa en 1921 visitou A Coruña unha delegación cultural portuguesa, presidida polo filósofo Leandro Coimbra, con actuación incluída do Orfeón do Porto. Daquela foi o gran coro da cidade, Cántigas da Terra, o encargado de facer sentir en plenitude aos convidados a hospitalidade coruñesa.

Cántigas da Terra que, case cen anos despois, volverá ser parte activa –isto si que é avoengo- desta relación.

En concreto, o vindeiro sábado día 13, nas Portas Ártabras, cantará ao vivo a banda sonora dunha película histórica: “Carmiña, a flor de Galicia”.

O mes pasado fomos nós quen soubemos da hospitalidade lusitana, na moi fermosa vila de Amarante, terra natal de Teixeira de Pascoaes.

Este traballo común dos tempos dos nosos avós, explica por que o gran poeta portugués ten unha rúa na nosa cidade.

Contábao Manuel María, se non é vero, ben trovato. Tras do golpe militar do 36, nese afán de facer desaparecer da vida pública todo o que soase a galego e, por ende, a portugués, cambiáronlle ás presas o nome. A rúa, nunha mostra de ignorancia supina, deixou de ser Teixeira de Pascoaes, para se chamar por un tempo –afortunadamente- pouco, Tijeras de Pescador.

Sirva a anécdota para pór un sorriso nun tempo de barbarie. E sirva a cultura, a cultura que une, para que nunca podan volver  acontecer feitos parecidos.

Por certo, non é casualidade, é causalidade. Mañá dez de xuño é o día grande das letras portuguesas, o Día de Camoes. Que tal data signifique, tamén aquí, na Coruña, unha aposta pola alta literatura, que é o mesmo que dicir, pola amizade, pola felicidade e pola vida.

Vémonos ás sete e media no xardín de San Carlos.

O que separaron as repunancias, úneo a cultura. Pois iso, Galiza e Portugal. Cultura que une.