Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

A Coruña e Vigo son a mesma cidade (primeira parte)

Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Xa sei que está afirmación pode soar moi abrupta. Pero A Coruña e Vigo son a mesma cidade, e a máis prístina proba é que Abel Caballero, cun grandísimo apoio da cidadanía todo hai que dicilo, quere ser como Paco Vázquez.
Permítanme tirar por regos pouco frecuentados. E como antídoto de populismos e reivindicación de marabillosas posibilidades de encontro, permítanme lanzar este manifesto: 
Mariñeiros da Marola, illas Cíes e do Orzán, escribiu Curros Enríquez.Na descrición desta parte do mundo funciona como verdade absoluta o antagonismo Vigo/A Coruña. Distancia que se vira, ás veces, rancor cainita, cando os caciques de cada lugar deciden reafirmar o seu poder a base de demagoxia.
A Coruña versus Vigo, tensión irreconciliable. Tópico interesado –e mentireiro- abofé. Pois sobre a continxencia localista, sempre larpeira de odios e agravios, imponse un argumento transcendente: O mar. 
Dende os ollos do Atlántico Vigo e A Coruña son a mesma cidade, dous pontóns de recalada no mesmo océano. E por moito que rabien os repunantes velaí está a superalos esta teimuda realidade: A Coruña e Vigo naceron do mar, e sobre ese mar han construír xuntas o seu futuro. Dixen.                                                                  
Vigorenta aperta coruñenta. O novelo das mil leas vírase abrazo cando vigocoruña se recoñece nesta identidade atlántica. 
Non, non falo de autoridades portuarias, nin de boas palabras entre alcaldes. Falo da historia da xente. 
Saúde e océano, Finocha de Carnoedo! Señora de Canta-o-Galo, sorriso das Cantadeiras do Berbés. Campioa das alistidoras do peixe, que veu das Mariñas para encher de máis música esta Ribeira.
Honro tamén a memoria de Pepe Zumba! Patrón de Vigo na Palloza. Aquel que sempre remataba as festas das Tres Portiñas cantando Vai o gato metido nun saco enriba do mostrador.
E a Abel do Gurugú. Vocalista da orquestra Os Satélites, triunfou con Diosiño pola parte de Suecia. Como cénit da súa  carreira embarcou de cociñeiro na Ribeira do Berbés. Sirva o dato para documentar a condición de artistas de todos os integrantes deste gremio. 
Saúde e océano, Enrique Pedrosa ! Nené de Bouzas, ti que andaches na parella Puente Nansa e Puente Viesgo. Dous motores a tirar dun mesmo aparello na auga do Gran Sol. En cada marea os barcos descargaban alternativamente, un no Muro e o outro no Berbés. Como afirma o traballo do mar: definitivamente A Coruña e Vigo son a mesma cidade.
Pois iso, medre o mar !