Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 06:45h.

A Coruña invisible

Moito che me gusta de cando en vez facer unha visita a un instituto, un saúdo para os rapaces e rapazas de Elviña. Hai só unhas só estiven cun grupo deles, a parolar sobre unha cuestión latexante: “A Coruña invisible”, ou esa inadecuación, ese desleixo, entre a cidade que todos dicimos querer tanto e os nomes oficiais que a ela se refiren.

Cuestión evidente neste instituto, pois o chamado Polígono de Elviña non está construído nun predio desa parroquia, senón nos eidos da antiga granxa agrícola da Deputación, a Horta Grande, entre Monelos e San Cristovo da Viñas, fagocitando nomes tan antigos e fermosos como as Cernadas, a Camposa ou o Carracedo.A xente nova é especialmente sensible contra tal desleixo. E acudín a outros exemplos clásicos da contorna que para eles forondescuberta. Xa saben, a rúa Caballeros, é unha malísima traducióndo galego Cabaleiros, porque en rigor non se refería a xentes de capa e espada, senón que é apócope de Alcabaleiros, pois alí estiveron situados os cobradores da alcabala, o imposto que cumpría pagar na entrada da cidade.

Pola banda de Labañou existiu un monte – e existe, aínda que hoxe sexa invisible- chamado Fontán. Nos anos sesenta un construtor chantou este letreiro: “Urbanización Los Rosales, próxima edificación”. A urbanización aínda tardaría décadas en construírse, mais o capricho onomástico dese señor quedou para sempre, en lugar nome de seu, Fontán. Unha denominación por outra banda especialmente descritiva que estaría a narrar no noso presente que ese entorno foi en tempos leiras vizosas en auga. Atención á Universidade !Aquí non se salva ninguén, a instituciónque debería ser sinónimo de cultura e coñecemento ten demostrado ao longo dos anos a mesma falta de ignorancia no que se refire os nomes tradicionais. E a pesar de todas as tentativas, a día de hoxe, séguense convocando actos na “rotonda da Universidade” (sic). Cando eses eidos teñen nome dende antigo, e ben fermoso: As Mariñas Douradas.

Pero aínda hai máis. Falo de cando se converte en lei a falta de ortografía. Reclamo un paso cara adiante á propia policía nacional. A carón do instituto de Elviña velaí a comisaria de Lonzas. Un palabro que significa absolutamente nada, porque é unha mala transcrición do nome do lugar das Louzas. O conto ten delito. E se alguén aínda dubida, consulte calquera mapa da Coruña de principios do século XX, por exemplo o que se exhibe na exposición de Picasso no Museo de Belas Artes, onde campan as Louzas ( nunca Lonzas) en todo o seu esplendor.Non podemos querer de verdade o que non coñecemos. Menos mal que a xente nova – de novo saúdo os rapaces e rapazas de Elviña- están dispostos a superar coa a argumento da cultura tantos desleixos do seus maiores.  Luz a eito, para A Coruña invisible !