Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

A canción do outono

Caen as follas, sinto unha cousa que se pousa en min e non me toca… escribiu Uxío Novoneyra,  o poeta do Courel. Aquel a quen tanto prestaba baixar da montaña, e beber a bohemia por casa Enrique, no Lionardo ou no Crego na rúa da Estrela, Ai! ouridourado outono, Cunqueiro falou….Como presta recibir do cosmos o que pide o corpo: que veñan os días de castañas, que apeteza tomar o caldo, que principie xa a soar a canción do outono:                                                      

Alá que van fervendo, alá leva-las castañas…Así me dixo a miña nai que pregoaban pola rúa Real, as grandes olas de castañas cocidas.

O pregón duns días que non vivín mais que fai agromar en min unha Coruña invisible que sabe honrar este tempo. Velaí o gran Castaño de Eirís, ese que segue a campar no alto, orgullo da familia Jaspe, déixome contar un brazo antes de que a machada toque a súa codia, tal me contou Pirusa que contestou o seu avó, cando un madeireiro lle propuxera comprarllo.              

Velaí o lugar de Castiñeiras de Arriba, en Santa Lucía, nas portas do Gurugú. E Castiñeiras de Abaixo, hoxe a rúa Ramón y Cajal…Castañas da ribeira que, estou certo, un día tamén embarcaron cara o Gran Sol.                   

Axiña os magostos, jamustos nestas Mariñas. Ai! canto tempo hai que non escoitaba esa palabra verdade?! e o caldo de melón. Isto é o caldo da carne da cabaza. Porque na Coruña invisible tamén se furaron moitas cabazas, e talláronse nelas ollos e bocas, e colocóuselles dentro unha vela, para  meter medo e facer festa. Así nolo confirmaron ano tras ano nesta casa, no programa a Tropa da Tralla, os protagonistas. Aquelas nenas e nenos  de entón. Que apañaban as cabazas en Vioño, da Agra de San Amaro, mesmo nas leiras que ocupan agora a rúa Médico Rodríguez, a a carón do Camiño Novo, Juan Flórez….                                                                  

Ala que van fervendo! Por favor que principie a soar xa a canción do outono!…