Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

Antonio Cruz 'Perillo', grazas mestre

   Deume a mala nova pola mañá, Alfred, o fotógrafo da rúa Cuba. Esta madrugada finou un grandísimo artista coruñés, Antonio Cruz, “Perillo”. Batería dos Tamara, o neno do Gurugú, que espallou aló por onde estivo o talento desta cidade-barco. Perillo, mestre verdadeiro da bohemia coruñesa. Como o seu alcume delata, o pai, tamén músico, viñera da outra banda da ponte Pasaxe. A el tocoulle, como a Candelas, como a Finita Gay, como Alvarito Pita, como a Pucho Boedo, marchar polo mundo, naqueles anos cincuenta, tempos duros nos que, por orde do Arcebispo Quiroga Palacios, os músicos non podían actuar na súa terra durante toda a coresma e durante toda a Semana Santa. Peri, aos dezasete anos enrolouse nos Celtas da Coruña, dirixidos por Chemari, e tirou directo para Irán. Alí coñeceu o Sha, de alí tiveron que fuxir ás carreiras cando comezaron os disturbios. Triunfou por salas de festas e cabarets de Europa adiante. E por Europa adiante rabuñou a felicidade cando acompañou o vello, Pucho Boedo, cos Tamara. É curioso, e é fermoso. Tanta foi admiración, tanta foi a súa simbiose, que Peri, cando se refería a Pucho, falaba sempre en plural: A nós A Santiago Voy non nos enchía, a nós o que verdadeiramente emocionaba era O Vello e o Sapo. Nun tempo de escuridade e ditadura, Peri trouxo á Coruña novas ideas, arte, alegría. Nunca deixou o Gurugú, converteu a Falperra nunha estación da música cubana. Compartiu sabedoría cos novos -unha aperta para o seu grande discípulo, o batería Miguel Cabana-. Porque Peri creou escola na música e na bohemia. Por iso Pepe e Marcos, falo dos Doré, para el compuxeron este himno: Peri, Peri, el Rey del Wachismen, cantaste con los Tamara, cantaste con los Doré. Abenzoado pobo que sabe honrar os seus artistas. En decembro de 2013, o gremio dos músicos quixo devolverlle un chisco de tanto cariño. E decidiu outorgarlle por unanimidade o primeiro Premio de Honra da Música Galega. Antonio Cruz Perillo, un do Gurugú, pequecho de corpo, mais, como recollía entón a propia nota de prensa: Un tipo inmenso, cun corazón de tumbao, e cunha mirada de rumba. Peri, Peri, el Rei del Wachismen, cantaste con los Tamara, cantaste con los Doré. O seu corpo está a recibir agora a derradeira homenaxe na funeraria Apostol, no Birloque, e será soterrado mañá as once no cemiterio de San Amaro. E nós neste momento –momento coruñento- triste do adeus, só podemos dicirche: grazas mestre. Grazas, Peri, por saber honrar esta cidade co teu talento. Grazas, Antonio Cruz “Perillo”, por ter feito mellor o mundo, por ter compartido con todos nós tanta amizade, tanta sabedoría, tanta alegría, tanta felicidade. Poucas persoas puideron deixar tan boa herdanza.