Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 05:29h.

Alexandre de Fisterra

No hay en Coruña Zapatería   
con más surtido para bebés   
que la famosa casa de Campos
 que está en la Estrecha de San Andrés. 

Velaí un anuncio da Gaceta Pibelera, “folla antroideira”, do ano trinta e cinco. Remata con esta tríade definitiva: 
Desde el trabajador al pollo pera,
primero Casa Campos,  
después cualquiera.

Casa Campos, propiedade do avó de Alejandro Campos Ramírez, isto é ,Alexandre de Fisterra, o mítico inventor da máquina prodixiosa: futbolín.
Este domingo participei en Fisterra, no primeiro campionato Internacional de Futbolín que leva o nome do seu ilustre inventor. E quero compartir con vostedes unha vez máis, a lembranza deste gran talento coruñés que, en rigor nacer, naceu en Fisterra -de aí o alcume- en 1919, onde o seu pai traballaba como radio telegrafista. 
Andaba por Madrid a estudar o bacharelato, cando comezou a Guerra Civil. Recibiu o impacto dos cascallos dun obús e foi trasladado a Monsterrat, a un hospital de nenos. Alí, para lle dar solaz os rapaces que xa non podían correr, creou o seu gran invento: o futbolín.
Tras da Guerra exiliouse en Francia. Púidose establecer por aló. Mais… de París marchei a Ecuador. Tiña bos amigos poetas aló, e pensei: “Ecuador, latitud 0”, que belo nome para unha revista de poesía!
Así tal me comentou cando o coñecín en Madrid, no ano 94. Non é preciso que me faga a súa descrición, sempre recoñezo a un galego, comentárame previamente por teléfono. Alexandre era  un auténtico dandy, unha mistura entre Valle-Inclán e Corto Maltés. Nese primeiro encontro souben da súa aventura editorial americana. Da Colección Finisterre, que burlaba a censura franquista para introducir libros dos exiliados españois en México. De todos xeito, dicía cun sorriso, como editor só gañara cartos cun libro: A única novela que escribiu o actor Mario Moreno Cantinflas.
Fíxolle feliz saber que na Coruña seguiamos a nos lembrar del. E de que os Diplomáticos  lle dedicásemos unha peza. Xa tiña case oitenta anos, mais apoiou decidido a aventura bravú. No ano 98 participou Santiago na Feira das Mentiras, como xuíz supremo no Campionato Mundial de futbolín.
Alí, no remate da entrega de premios, pronunciou unhas palabras para a historia: E de remate… que continúe !
Alexandre de Fisterra finou no ano 2007. Pouco despois de ver cumprido o seu grande soño: A creación en Zamora da fundación León Felipe, que recolle o legado deste gran poeta, ese que o propio Alexandre, como o seu testamenteiro, trouxera de México. 
Alexandre de Fisterra, da Casa calzados Campos, Estreita de San Andrés. Detrás do fútbolín, tiña que haber, abofé un gran talento,  e era coruñés. 
Non creo que tivese interese ningún en que unha rúa levase o seu nome. Mais habería prestarlle de certo que –como xa acontece agora en Fisterra- A Coruña fose tamén sede dun campionato dedicado ao seu gran invento….
a velas vir, 
a velas, velas vir
unha partida brava de futbolín.