Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

45 anos do Erkowit

1970,  por estas datas, hai 45 anos, veciñas e veciños das Mariñas aprenderon a dicir Erkowit. Nome absolutamente exótico para a xente nova. Primeiro chanzo dunha ringleira de desgrazas -Urkiola, Mar Exeo- que foron bater contra esta cidade-barco.

O Erkowit viaxaba dende Europa cara Arabia cargado coma un cintolo.  Fora abordado á altura do Vilán polo buque alemán Dormunt.  O día 31 outubro de 1970 chegou remolcado, cun furado no casco, e quedou varado perto de Bastiagueiro. Como se permitiu introducir un barco nestas condicións no fondo da ría? 

Ao comezo foi unha festa. Té inglés, cervexa negra, televisores, pasta de dentes, caramelos, roupa, tabaco marca Rothmans e latas de manteiga Two Sisters para quen quixera apañalas. Mesmo apareceron na praia unhas bovinas de fibra branca das que axiña se fixeron xerseis. Un chisco ásperos pero resistentes.  

A señora Pirusa de Eirís faloume dun seu familiar que chegou ás Xubias coa lancha chea de bidóns dunha substancia branca. Pensaron que era fariña. Mais, antes de que fixesen as primeiras empanadas, alguén reparou na caveira da etiqueta. Foi o seu primeiro contacto co Dieldrín Abadit, a terrible dieldrina, poderoso insecticida.                                         
O día 4 comezou o mal tempo. O mar asolagou as adegas e perdeuse definitivamente o barco. O Erkowit  ceibou  a terrible carga insecticida.  As vendedoras de San Agustín tiveron que tirar o peixe, parou a flota de baixura toda.  O  peor foi para Lorbé. Tiveron que enterrar o mexillón e abandonar as bateas. Houbo que agardar vinte anos para cobrar á fin unhas indemnizacións ridículas.                      

A pesar do control informativo da ditadura, hoxe sabemos que esta catástrofe ecolóxica foi moito máis grave que mareas negras posteriores. Desgraciadamente pouco se aprendeu desta lección: 76, Urkiola;  92, Mar Exeo; 96, derrubo do vertedoiro de Bens. 

A Coruña/ Ferrol, lugares tan extraordinarios onde todo pode acontecer.  O mar deunos a vida. A incompetencia do home a máis grande das desfeitas. Chapapotemaquia. Toda unha xeración a medrar entre o chapapote.  Tíñamos que saír especiais.  

Estás sentado no sofá e cando te dás de conta xa che entrou a marea negra pola cheminea abaixo.  Corenta e cinco anos do Erkowit.  Xente toda das Mariñas, chapapote no cerebro, non che estrañe se son bravos.