Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:02h.

Xulio Ferreiro nun día alegre e histórico

O sábado 13 de xuño vivimos en María Pita co equipo de Radio Coruña que dirixía Consuelo Bautista a sesión constitutiva da nova corporación municipal , o xuramento/promesa dos concelleiros e a toma de posesión do novo alcalde Xulio Ferreiro quen tivo a deferencia de nos acompañar un momento e atender as preguntas da radio. Foi unha xornada emotiva seguida por moita xente nos corredores e salas de María Pita –entre outros o alcalde Liaño Flores- e por unhas 2000 persoas na praza.

O discurso do novo alcalde, lido na lingua propia do noso país, definía aquel sábado como día alegre e histórico, retomando as palabras que un 19 de abril de 1979 pronunciaba o alcalde de Unidade Galega Domingos Merino Mexuto (1979-1981), o primeiro desta etapa democrática sucedendo no cargo a Berta Tapia. Ferreiro tamén se lembrou doutro antecesor: o republicano Alfredo Suárez Ferrín (1891-1936), alcalde en 1934 e 1936 e asasinado no Campo da Rata en 1936.

O discurso de Ferreiro encerra o programa, o código ético e as prioridades do seu goberno con referencias a outros escritores a quen tivemos a honra de tratar como Lois Pereiro ou Luísa Villalta, a Curros e a Manuel Rivas que asistía desde a Praza á histórica xornada.

O día estivo marcado polas novidades e os xestos. O novo alcalde e os mareantes prometeron os seus cargos por imperativo legal pero comprometéndose a servir á cidadanía, a fomentar a súa participación e a cumprir o programa e o código ético con que se presentaran ás eleccións do 24M.

Vestidos como a xente do común, emocionados, ofrecendo o mando e o seu bastón á xente cuxa representación tamén se ouviu na praza, a xente da marea envía unha mensaxe ética, social e de alta esixencia democrática que a compromete moito.

Nas xornadas seguintes Ferreiro alén de tomar as rendas do concello estivo presente en moitos medios de comunicación (en El coruñés opina o domingo 14 e con anécdota incluída na entrevista concedida a Pepa Bueno) que ven con simpatía e interese o novo goberno coruñés.

Señor alcalde: leva razón cando afirma que foi un día alegre e histórico. Ogallá que a ilusión creada en moitos cidadáns se vexa recompensada e que a cidade no seu conxunto gañe e mellore durante o seu mandato.