Buscar
lunes, 13 de mayo de 2024 00:05h.

Xulio Ferreiro no Foro 'Nueva Economía' en Madrid

Son moitas as ocasións en que o alcalde da Coruña é requirido para expresar opinións que son acollidas con interese e con respecto porque encarnan un modelo de xestión e unha nova filosofía política que o levou a liderar unha incuestionábel vitoria da súa formación política. De 0 a 10 concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica e dirixindo unha das dúas cidades galegas máis poboadas.
Na súa recente estadía en Madrid, Xulio Ferreiro foi presentado pola súa homóloga madrileña no almorzo do “Fórum Nueva Economía” no Ritz e reiterou moitas ideas expresadas con anterioridade. Como dixera hai uns meses en Barcelona o centro da acción política deben ser, na súa opinión, as persoas que tan duramente padeceron (padecemos) todos estes anos de restricións, desemprego, desafiuzamentos e precariedade. Por non falar de recentralización, da Lei Mordaza e dunha gobernanza sen diálogo nin debate.
O modelo capitalista que rexeita o alcalde coruñés é o mesmo de Someso, do Conde de Fenosa, da tentativa de evitar en Alfonso Molina unha avenida humanizada, a que gastou o que non había en obras faraónicas como as da Mariña, a que entrega a empresas privadas servizos que se poden xestionar desde o ámbito público.  O modelo que alimentou a corrupción até límites asfixiantes que fixeron a algúns partidos sospeitosos de non funcionar legalmente.
Con razón o alcalde, e con el moitas persoas na cidade e no estado, avoga por outro modelo de gobernanza que constrúa talento, que defenda o emprego de calidade que permita vivir. Con razón Xulio Ferreiro esixe unha nova lexislación –que tamén nos xogamos o 20D- para que en vez de asfixiar aos concellos lles permitan prestar servizos e establecer novas prioridades, non as pactadas polo PP e o PSOE cando reformaron a constitución daquela maneira evitando un debate democrático que si está na rúa.
O ministro Montoro impuxo unhas condicións de estabilidade –palabra perversa-  nos orzamentos das entidades locais que impiden, na nosa opinión, xa non unha necesaria autonomía senón que os concellos saian en tromba na defensa de quen máis padece a crise. E non son os concellos, salvo o de Madrid gobernado polo PP durante unha longa etapa (1991-2015), quen contribúen á fabulosa débeda amasada na economía española.
Ferreiro ofreceu exemplos sintomáticos das limitacións impostas aos concellos. A imposibilidade de participar cunha cantidade ridícula nunha fundación universitaria –da nosa UDC- para fomentar o desenvolvemento. A imposibilidade de contratar persoal para implementar as políticas do seu goberno en materia de protección e asistencia social como a propia Renda Social.
Xulio Ferreiro é en todo o estado un rostro da nova política que propón innovación, participación, transparencia e moitas melloras no funcionamento democrático. Esta democracia precisa, na nosa opinión, unha urxente ITV cidadá que mude de verdade cuestións nunca resolvidas (lei electoral, senado, deputacións, cuestión territorial, lingua) logo dun debate que non agoche nada. Todo iso tamén está en xogo o 20D. Xa non valen as obras faraónicas, as inauguracións de megaproxectos como foi a Cidade da Cultura, as placas que repiten varias veces o nome do alcalde e do conselleiro ou conselleira. Porque se iso seguise cotizando na política local e non local sería unha forma de desprezo –como a que practicaron e practican outros- aos millares de persoas que fixeron nestes anos unha viaxe dolorosa á exclusión social e á precariedade. Non hai democracia decente con tanta xente literalmente abandonada, empobrecida, humillada.
O alcalde defendeu o proxecto do seu goberno para Alfonso Molina ao que só parece opoñerse xa o novo partido do Non e reflexiona sobre os gravísimos problemas financeiros do Porto Exterior en Arteixo que loxicamente non quere que se resolvan coa venda da xoia da coroa do porto interior perpetrándose, nese caso, outra ofensa ao ben e ao interese común e outro agasallo ao modelo que tantos detestamos.