Buscar
sábado, 27 de abril de 2024 00:03h.

Touros e votos

Se se cumpren na Coruña as expectativas que anuncian unha derrota severa do bipartidismo -alí onde existir- e un castigo electoral ao partido hoxe hexemónico, todos os acontecementos que se debaten na cidade son aínda máis relevantes. Os últimos episodios, a catastrófica xestión do Ébola e o que xa sabemos das chamadas tarxetas black, terán tamén repercusión no plano electoral sumados a uns datos económicos pésimos en termos de masivo desemprego e de débeda monstruosa e a unha interminábel sucesión de casos de corrupción sistémica. Fará falta que desde a outra esfera política se lle ofreza á cidadanía un programa serio, antagónico e executábel de rexeneración democrática e económica. A chamada festa dos touros, prohibida xa nas Canarias e en Cataluña, é motivo estes días de forte polémica como ficou acreditado na manifestación antitaurina convocada por Galiza mellor sen touradas que percorreu as rúas da cidade o pasado 5 de outubro alimentada por millares de persoas e apoiada tamén por cargos públicos de diversas organización políticas.
Está en xogo e é obxecto de controversia se unha sociedade avanzada do século XXI no corazón de Europa pode converter en festa o trato bárbaro dispensado ao animal condenado a morrer de maneira cruel. Tamén se debate se este tipo de actividades forman parte da tradición cultural do noso país e da nosa cidade. Os veciños da Cidade Vella, desgustados porque as touradas se trasladasen, á súa festa da Virxe do Rosario deixárono moi claro. O excepcional dramaturgo coruñés Jenaro Marinhas del Valle afirmaba o seu rexeitamento á festa dos touros por motivos éticos e estéticos pero máis que prohibila era partidario de que fose desaparecendo polo aumento da cultura popular.
Pero hai unha cousa que a min me parece tamén relevante. As persoas do mesmo partido que practican e xustifican todo tipo de recortes en políticas sociais –por moito que se neguen ou maquillen en sede parlamentaria- consenten a entrega de fondos públicos, fálase de 100.000 euros só neste ano, para contentar a algún empresario espabilado, a algún toureiro que fai caixa e aos afeccionados que non enchen as prazas dispoñíbeis?
Estes días escoitamos a algún empresario taurino falar da feria coruñesa, que bos cartos nos custa, como un esforzo que fan uns poucos para manter a arte, a tradición e a festa na Coruña. Pois equivócase rotundamente. Nesta cidade cultiváronse desde sempre moitas artes, gustamos sempre de boas festas e acariñamos fermosas tradicións. Moitas delas esmorecen ao abeiro dunha crise que vai acabando con todo e con todos. Pero que pretende facer unha carísima excepción cos touros.
Desde Europa, coma sempre, contemplan abraiados algunhas das tradicións españolas que persisten na degradación e maltrato animal e xustamente de Europa chegan cada ano centos de miles de persoas a alimentar o maná turístico sen o cal a economía española estaría literalmente esfarelada. Máis do que xa está por moito que o señor Montoro e os seus seareiros o neguen.
O goberno municipal coruñés ten cada vez menos capacidade de xustificar algunhas das súas políticas. Os touros tamén entraron en campaña, ou en precampaña. Temos a sensación de que restan votos para quen os precisa máis ca nunca. Por moita bebedeira de inauguracións que se prepare. As cornadas que dan os touros ás veces son letais.