Buscar
lunes, 13 de mayo de 2024 00:05h.

Retos da Marea: Emerxencia Social, transparencia e participación

Os equipos da Marea Atlántica teñen diante de si unhas xornadas de moito traballo e de moita responsabilidade. Garantir a proclamación como alcalde do seu candidato, administrar con éxito o traspaso de poderes e facerse co control político e administrativo dunha maquinaria tan complexa como o Concello da Coruña e os seus centos de traballadores deben ser tarefas urxentes. Así como organizar o goberno e os seus equipos humanos.
Os grandes retos que a Marea recoñece como filosofía para o conxunto da lexislatura son tres.
O primeiro atender a emerxencia social. Se as persoas pasan a ser a prioridade o novo goberno debe atender a quen vive na exclusión, na pobreza, no paro sen cobertura, a quen ten problemas para alimentarse, para dispor dunha vivenda, para pagar a alta factura enerxética ou uns impostos tamén excesivos para moitos cidadáns. Como din en Barcelona menos Fórmula un e máis formulas para atender, salvar e protexer a tanta xente que o precisa.
O segundo reto transpirar transparencia. Xa que a corrupción é un fenómeno que preocupa á cidadanía e xa que a opacidade caracterizou a xestión do anterior goberno, é lóxico que os mareantes aposten pola luz e os taquígrafos e que pretendan facer de María Pita un palacio de Cristal. Os cidadáns queremos saber que Concello se encontran en xuño de 2015, cal é a situación real, a débeda real, que compromisos hai adquiridos e a que prezo, que convenios asinados, as diversas concesións e como funcionan as empresas públicas. Auditar desde dentro o Concello e comunicar os resultados á xente e continuar durante a lexislatura con esa transparencia.
O terceiro reto consiste en fomentar a participación. A Marea propón que a xente participe máis e máis ordenadamente no goberno da cidade. Haberá que impulsar e potenciar que se escoite a voz dos barrios, a voz das persoas. Non chega con votar cada catro anos. Hai que gobernar entre todos, ao servizo da xente do común, sen despotismos, sen autoritarismos, sen sectarismos. Fan mal aqueles que teñen medo a consultar aos cidadáns, aqueles que queren converter as institucións en lugares para si onde a xente se sinta estraña e distante. Hai fórmulas legais e pódense implementar outras. Máis participación significa só máis democracia e a xente ten necesidade de todo iso.
O reto político global da Marea consistirá en que no ano 2019 os case 37.000 coruñeses e coruñesas que apostaron pola Marea se sintan recompensados e reconfortados pola acción de goberno e que o depósito de confianza manteña para entón niveis aceptábeis. Consultados os ouvintes de Radio Coruña e os seguidores da súa web, pedían maioritariamente honradez e transparencia. A alguén pode parecerlle pouco. A nós pareceríanos un gran servizo á cidade que o goberno de Xulio Ferreiro sexa recoñecíbel polo exercicio honrado e transparente do poder. Marcaría distancias. Sinalaría por contraste á vella política. Afastaría a recuperación da bancada conservadora. Renovaría a ilusión que estes días viven moitos coruñeses ávidos de xente normal, con sentidiño, que os antepoña a calquera ocorrencia. A calquera gasto faraónico. 
E todo iso acontece cando que saibamos aínda o actual goberno do PP non tomou ningunha iniciativa para iniciar conversas, preparar o traspaso de poderes e executar iso que ordenou o pobo tan contundentemente. Será que algúns queren profundizar aínda máis na derrota ao non saberen dixerila e asumila con total normalidade democrática?