Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:01h.

A renuncia de Carril

Acabamos de coñecer a renuncia do candidato do BNG á alcadía coruñesa Xosé Manuel Carril e a súa substitución por Avia Veira. É unha das derivadas –haberá máis no PP e no PSOE- que deixa o 24M.
Trátase dunha mala noticia porque ninguén discute a competencia, a entrega e o excelente traballo de Carril. No meu caso sinto por Xosé Manuel afecto persoal e alta proximidade no campo das ideas.
Na última lexislatura, Carril fixo un labor institucional moi meritorio cunha emenda á totalidade das políticas do PP sumado a un traballo de rúa impecábel.
Dito doutra maneira, Carril cumpriu moi ben como representante do ben común e como defensor impenitente dos altos intereses da cidade e da cidadanía.
Sendo isto así, tratándose dunha persoa valiosa e laboriosa, o que as eleccións parecen cuestionar é a estratexia seguida polo BNG primeiro a nivel interno perdendo unha parte da súa valiosa pluralidade e influencia. Tamén no ámbito local. E despois non querendo/sabendo confluír con outros moi próximos como ficou de manifesto nas conversas entre Compostela Aberta e o BNG de Compostela. E máxime nun momento tan crítico en termos sociais e económicos no que a xente alenta a unidade e castiga a prepotencia.
A Coruña non pode prescindir de alguén que a coñece e defende tanto como Carril. O goberno de Xulio Ferreiro debe, na nosa opinión, estimular a ampla marxe de coincidencia programática e ideolóxica que existe co BNG porque ninguén debe esquecer que antes que os intereses da persoa –sexa quen for- e da marca –Marea incluída- deben prevalecer os intereses desa cidadanía que na Coruña retirou moitos apoios ao BNG.
Coñecidos os resultados do 24M sempre cremos que a presenza de Carril na corporación ía ser dobremente beneficiosa. Para influír na mellor dirección no goberno da Marea e para seguir prestando impagábeis servizos a ese ben común que foi a bandeira de quen agora abandona o seu asento en María Pita.
Desexámosche a Xosé Manuel Carril o mellor desde a súa nova posición para seguir contribuíndo a facer da Coruña unha cidade socialmente mellor.