Buscar
domingo, 19 de mayo de 2024 00:00h.

Paro, paro, paro, menos paro por favor

Acabada a época estival, os datos do paro volveron ser alarmantes e desmenten os comentarios optimistas fabricados desde os ámbitos gobernamentais. Alguén, nun arrebato de inconsciencia, mesmo quixo dar por conclusa a crise! Claro que todos quereríamos mellores datos e aínda non aplaudindo o modelo económico co que se nos castiga, o que queremos é un descenso permanente no número de parados e que non baixe a taxa de cobertura, isto é, que non deixemos abandonados aos que o perderon todo (traballo, casa, dignidade, esperanza).

A cifra de parados inscritos nas oficinas de emprego superou os 4.500.000 e tamén superaba os rexistros do último goberno Zapatero. Simultaneamente o número de afiliados á seguridade social perdía medio millón de persoas a respecto do goberno do PSOE. Rajoy atopouse cunha cifra de case 17.250.000 que agora non chegaba aos 17.000.000. 

Estase facendo todo o posíbel para combater esta hecatombe social e vital ou hai unha certa marxe de manobra e os gobernos e instancias implicados fan menos do posíbel e aínda non fixeron do paro a súa batalla principal? Será que os que nos gobernan viven tan lonxe das penurias da xente?

Hai un dato revelador: unha parte da poboación en idade de traballar xa non se rexistra e moita emprendeu o penoso camiño da emigración como fixeron os nosos pais e avós hai varias décadas. O paro  cébase especialmente nas mulleres e o pouco emprego que se crea é a tempo parcial e ademais os contratos indefinidos non chegan nin ao 9%. Outro dato significativo é que baixa a cobertura de protección, é dicir, cada vez hai menos xente percibindo unha prestación (a metade dos que non traballan).

Os parados que en Galiza xa non cobran prestación (116.000) explican o alarmante aumento da pobreza e a exclusión social. Este é o panorama que as políticas económicas do PP non corrixen: paro, moito paro xuvenil, traballo precario, emigración, escasa protección e pobreza. E neste panorama resulta obsceno invocar os malos salarios que percibe unha clase política que cobra moi riba da inmensa maioría da xente.

A calidade das condicións de traballo é cada vez peor: tanto nos que se incorporan ao mercado de traballo como os que xa están nel e pérdense dereitos e salario. A situación explica que unha parte dos pobres teña algún tipo de traballo. Así non se vai incentivar o consumo nin reactivar a economía porque a xente ten medo de perder o pouco que ten. E cada vez ten menos.

Hai uns meses a CIG presentou no parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular apoiada por máis de 30.000 persoas para facer da loita contra o paro un eixo fulcral das políticas do noso goberno. A maioría absoluta –absolutamente insensíbel- que decide no Hórreo non considerou necesaria a toma en consideración da iniciativa. Terán outras ocupacións entre zetas, pokémons, picachus, monagos, gúrteles, bárcenas e un longo etcétera de episodios de corrupción.

Alguén debera dicirlle ao presidente do goberno español que a crise segue entre nós e que en vez de vivir nun país que non existe sexa máis sensíbel á pobreza e á incerteza en que malviven moitos millóns de seres humanos no estado español. Que estarán a pasar un Nadal con moi poucas luces e entre demasiadas sombras