Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 18:44h.

O novo goberno galego

Escoitadas diversas análises, sempre interesadas, dos cambios do goberno galego non encontro o que buscaba. Teño a impresión de que o presidente da Xunta volve ir de farol, xoga ao engano, finxe ter folgos, aparenta mudanzas que só existen no seu imaxinario electoralista. Encántanlle ter ocupados aos escribidores e aos faladoiros. En Madrid moito celebran as mudanzas.
A min non me importa se estes cambios suxeitan máis ao presidente no país ou se pola contra preparan o seu exilio madrileño. Habería que limitar os mandatos polo menos para evitar que o máis nocivo dure en exceso. O pouco que cambia é para garantir que todo vai seguir exactamente como está.
Ascende a quen foi castigado nas urnas, cruzando fichas entre partido e goberno, xoga coas áreas e coas persoas pero non ofrece aquilo que xa tocaba. Por exemplo a cabeza de Rosa Quintana Carballo que debía ter corrido a sorte de Rocío Mosquera, a quen nada nin ninguén podía xa manter neste goberno de circunstancias despois dunha xestión calamitosa.
Teño para min que temos en termos políticos e técnicos un mal goberno na Xunta. Tivémolo máis claro cando o presidente mandou a Vigo unha emisaria que conseguiu unha sonora derrota. E o presidente un estridente fracaso.  E non foi o único. Agora toca facer que se fai durante uns meses e ver como sae de malparado o PP nas xerais do 20D. Hai moitos grupos e partidos interesados na derrota electoral do PP, dentro e fóra da casa.
A miña lectura é que o partido está perdido e que o adestrador fai cambios inocuos cara á galería. A xente sabe perfectamente, sabemos, que políticas levou a cabo o goberno galego. “Tarde piaches” lese nas redes sociais. Abofé: moi tarde e quizais para nada.