Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:02h.

Marea Atlántica: información e política

Unha das cousas que ninguén discute nestes primeiros días de goberno da Marea na Coruña é a presenza mediática que o alcalde conseguiu para explicar alí onde o convocan as particularidades do seu proxecto político. Case compite cos alcaldes das grandes cidades españolas que teñen ademais máis ascendencia mediática.

Xulio Ferreiro vai camiño de se converter –aínda sen querelo- nunha estrela mediática. É imposíbel ler xornais, escoitar a radio ou ver a televisión, camiñar polas redes sociais, desde o ámbito local ao estatal, e non toparnos co noso alcalde.

Até agora nunca lle vimos meter o zoco, sae airoso mesmo das cuestións máis espiñentas, dá a impresión de que cre no que di e sabe dicilo sen aparente ánimo de ferir pero collendo o touro polas cornas. E non deixando o fundamental no tinteiro. E todo iso nalguén que é novo na acción política parécenos moi meritorio.

Ferreiro dá ben nos medios, ten o don da palabra para estes tempos nos que hai que comunicar ben, claro e con poucas palabras. Pero o debate substancial é a relación, sempre complexa, entre a información e a actividade política.

Se estamos nun novo ciclo político, os medios e os profesionais tamén deben estar á altura. O cidadán non entende que unha empresa xornalística e moito menos unha radio ou televisión pública informe sesgadamente ocultando a algún dos actores políticos para privilexiar única e machaconamente a un só.

O cidadán agradece que nos medios dirixidos á maioría se contrasten opinións e que os diversos partidos acepten democraticamente comparecer en foros plurais, non desprecen ao rival por selo e asuman o pluralismo democrático como un sagrado ben a preservar e cultivar.

O que onte eran empresas que aspiraban a decidir moitos votos deben agora conformarse cun papel diferente e máis modesto. Formacións como a Marea practican unha política informativa propia a través de o quince, das redes sociais e das ferramentas informáticas que lle permiten trasladar a súa mensaxe, multiplicar o efecto da súa presenza mediática e contrarrestar determinadas operacións que quixeron obviar, negar ou invisibilizar á Marea.

O día que Ferreiro se converteu en alcalde, unha profesional de Radio Coruña anunciáballe que a radio estaría loxicamente expectante para contalo todo, o bo e o malo, da xestión da Marea. Eu vin no rostro do noso alcalde non unha aceptación protocolaria senón a expresión de quen asume que os medios, ben dirixidos e que pretenden servir á cidadanía, practican a súa vixilancia como outra garantía máis que temos a xente do común neste novo ciclo político.