Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:02h.

A Marea anega María Pita

Vivimos nos estudos centrais de Radio Coruña-SER unha noite electoral atípica porque desde moi cedo se foi configurando o titular da xornada: a Marea Atlántica vence nas eleccións municipais na Coruña, consegue 10 concelleiros e supera por un cento en número de votos ao PP, o gran derrotado, polo que Xulio Ferreiro está chamado a ser o novo alcalde da cidade.

Ademais da derrota do PP, superior á prevista nas enquisas, a noite permitiu testemuñar a do PSOE que descende aos 6 concelleiros e a do BNG que non chega aos 6.500 votos e só consegue un edil.

Tamén as enquisas erraron por non advertir da desfeita do PP e da forza contundente dos mareantes e por outorgar representación a C’S que fica fóra de María Pita. A UC tampouco desta volta consegue entrar na corporación municipal.

Da noite electoral quedámonos co mal que dixeriron os perdedores a súa derrota (cando rematou o programa especial da SER Carlos Negreira aínda non comparecera diante dos medios) e co ben que Xulio Ferreiro e os seus dixiren a súa vitoria que o escritor Manolo Rivas elevou á categoría de “primavera do pobo”.

A cidadanía falou moi alto e moi claro onte. Entre a estabilidade que vendía o PP e a rebeldía que propugnaba a Marea, a cidade optou pola segunda. E de xeito incontestábel.
Gobernar non será doado. Se a xente apoia e os mareantes non perden o rumbo, a marea medrará e prestará grandes servizos á cidade e á xente. Pondo en marcha a cerna do seu programa, reseteando o funcionamento da administración local, revisando concesións, desenvolvendo un novo código ético, construíndo un novo proxecto de cidade en alianza coas outras forzas de progreso, gobernando para a maioría, con humildade, con solvencia e con valentía. Tanta como tiveron os mareantes desde o nacemento na Ribeira do Cómaro para vencer coas súas mans e as súas cabeciñas moitos obstáculos, moitas exclusións, tamén dos empeñados en só ver e vender as bondades do PP e asignarlle unha case segura maioría absoluta.

Os resultados do 24M na Coruña son un fito histórico na vida política da cidade. Certamente un inmenso depósito de confianza que hai que saber administrar. Demoradamente haberá que ler e reler eses resultados para descifrar todas as mensaxes que envían os electores en todas as direccións e a todos os destinatarios. E nesta nova etapa deberan extirparse para sempre na vida local as prácticas máis nocivas, opacas e antisociais adoptando as medidas que impidan a súa reaparición.

O que ninguén nos vai quitar aquí e agora é a ilusión e a esperanza que hoxe comparto con moitos cidadáns que asistimos ao nacemento deste novo ciclo político por orde expresa, inequívoca e incontestábel dese pobo que é sempre quen máis ordena. E que dixo por boca de case 35.000 coruñeses: “Hai marea”.