Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 13:35h.

Manuel María

Non é doado expresar a ledicia profunda que sentimos moitos cando soubemos que Manuel María ía ser o protagonista da celebración das letras nacionais en 2016. Coñecémolo, a el e á súa nai, en 1981 nas festas de Pastoriza (Arteixo) por mediación de Filipe Senén e desde entón tivemos o privilexio de coincidir en moitas actividades literarias, culturais e sociopolíticas porque para dicilo brevemente o país que soñabamos era o mesmo. El leva traballando nel moito tempo e outros incorporáomonos cando nos tocou. Un país dono do seu destino e dos seus recursos, un país que distribuíse a riqueza con xustiza, un país irmán dos outros e un país que normalizase o seu idioma e o resto da súa identidade.
Sempre gostei de ouvir as moitas lerias que contaba Manuel María porque no medio desas lerias, moi ben oralizadas, estaba a historia do século XX galego e persoas polas que eu sentía devoción ou interese desde Otero Pedrayo até Celso Emilio, por citar dúas figuras maiores.
Co paso dos anos fun entrando na textualidade de Manuel María, nos moitos libros de poesía, nos moitos textos teatrais, nas narracións, nos artigos e ensaios que demostraban un interese e un coñecemento enciclopédico do noso país. Algunha vez estudei con vagar algúns deses textos e fiquei gratamente impresionado. Coa certeza de que era literatura maior.
Tiven o honor de estar con Manuel en momentos importantes como a presentación da súa obra poética completa ou a súa recepción pola RAG en Vilalba, a posibilidade de viaxar con el e tamén de partillar momentos máis íntimos, algúns en compañía de grandes amigos comúns como Pancho Pillado ou Miguel Anxo Fernán-Vello, entre outros moitos. 
No 2016 Manuel vai recoller o que sementou en vida. Moito amor. Foi unha persoa moi xenerosa e nada interesada que lle deu moitas voltas ao país para explicarse e para contar os misterios da palabra, o enigma da vida, a emoción da terra ou o compromiso co país.
Sería imposíbel falar aquí  da súa obra, dos seus moitos labores no mundo da cultura e da política galega. Tempo haberá. 
Querido Manuel. Parabéns. Tamén a Saleta, a túa leal compañeira. Estamos moi felices porque sabemos que contigo se fai xustiza. Vaslle vir ben a este país nesta hora crítica na que está en perigo a súa economía, a súa demografía, o seu autogoberno e o seu idioma.
Vaslle vir ben porque o teu exemplo é o mellor espello onde mirarmos e aprendermos.

Aínda que teñamos que aturar que che tributen homenaxe os que ían e van a outra romaría, os que  destrúen a patria que constrúes, sexamos xenerosos. O importante é que a túa obra e o teu exemplo penetren cada parroquia, cada concello, cada vila, cada cidade, o músculo rebelde da patria, a nazón dos bos e xenerosos. A túa. A nosa.