Buscar
sábado, 11 de mayo de 2024 00:01h.

Iglesias na Moncloa

Grazas a YouTube vin e escoitei a comparecencia na Moncloa de Pablo Iglesias. A verdade é que entre Mariano e os seus adversarios na política española todos gañan e fan do actual presidente español un político desfasado, que pasaría por todos os postos e subiría todos os chanzos pero que non sae airoso das preguntas dos xornalistas nin da cidadanía. Comunica mal e produce máis desafección que adhesión salvo nos seus máis acérrimos defensores. Eses que son capaces de quitarlle 10 ou 15 anos de idade.
Pablo Iglesias está nas súas antípodas. Contesta unha a unha todas as preguntas e exprésase ben, dominando a arte da oratoria e a teatralidade da expresión oral. Mentres Rajoy case nunca di nada (novo), Iglesias fala acompañado de certas novidades. Poden gustar máis ou menos. Neste caso eu faría fincapé en dúas. A primeira, a respecto da cuestión catalá, afirma a necesidade de os cataláns expresárense mediante referendo, o que implica non ter pánico á democracia e recoñecerlle ao pobo catalán a súa condición de suxeito político. De poder falar do seu.
A segunda cuestión a nós tócanos a fibra. Di Iglesias unha e outra vez a quen queira ouvilo que España é un estado plurinacional. A tanto non chegan nin o PP, nin o PSOE nin C´S. Os que argallan un valo contra Cataluña. É un favor que fai a toda a clase política Pablo Iglesias. Afirmar o que debera ser unha obviedade. Para quen cremos que Galiza tamén é un suxeito político que na política española alguén comece por alimentar unha nova linguaxe é desde logo unha boa noticia. Se a esa noticia pode acompañar un proceso constituínte sen as limitacións do 78 e se ese proceso fose realmente democrático daquela a nosa ledicia sería case completa.
Opinamos que para que se abra definitivamente un novo ciclo político, para que as demandas das nacións do estado sexan recoñecidas e respectadas haberá que ter algún aliado na política española. E dous ou tres mellor ca un só.