Buscar
lunes, 13 de mayo de 2024 18:43h.

Ferreiro/Negreira: encontros na primeira fase

Son dos que pensan que a cidadanía está moi atenta logo de celebrarse unhas eleccións a como se executa e a como se dixestiona o mandato popular. En democracia, como en todo na vida, as formas son moi elocuentes. No caso coruñés ese mandato, como recoñece Mar Barcón estes días, é inapelábel.
Logo dunha campaña na que Carlos Negreira evitou confrontar as súas ideas e proxectos co líder da Marea Atlántica e mesmo ousou non participar nun nos debates estrela, o que se viviu en “El coruñés opina”, dá a impresión que non se acaba de recoñecer alto e claro o novo ciclo político que se inaugurou o 24M.
Primeiro tardando demasiado en comparecer diante dos medios, logo xogando a unha probabilidade inexistente de seguir no goberno e finalmente demorándose en ofrecer a fotografía con quen será novo alcalde, os responsábeis locais do PP non parecen atinar na súa estratexia de comunicación. As cousas hai que facelas ben e cedo.
Hoxe por fin, a case dez días das eleccións, a fotografía foi posíbel. Acompañado por Iago Martínez e Rodri Suárez, Xulio Ferreiro coa súa indumentaria habitual pero cunha carteira de certo tamaño entrou na Sala Abelenda de María Pita para visibilizar o cambio de tornas na gobernanza da cidade. Os vaqueiros eran a roupa estrela e as gravatas non fixeron acto de presenza. Así vai pola vida moita xente do común.
A xuntanza non parecía técnica e os asuntos de traspaso de poderes van ser os protagonistas dos próximos días cando a Marea reciba das diferentes áreas e concellarías os informes pertinentes.
No PP coruñés deben estar moi atentos ás palabras do noso amigo Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo que incrementou o número de votos, máis favorábel a dar a benvida aos que gañan nas urnas e a pórense a traballar todos os políticos na dirección de resolver problemas e axudar á xente.
Estes erros de comunicación e actuación, no caso do goberno en funcións da Coruña, veríanse en parte corrixidos se asistimos a un traspaso de poderes señorial (nas formas) e modélico (nos contidos) e se ninguén se leva nos próximos días sorpresas desagradábeis. Aspiramos moitos a transitar da opacidade á transparencia.
O encontro desta mañá en María Pita pertence á categoría da primeira fase. Chega tarde pero se chega ben e resulta útil benvido. Ten que haber máis fases e máis encontros e cómpre facer do diálogo e do respecto mutuo un sinal recoñecíbel do funcionamento da democracia.