Buscar
sábado, 18 de mayo de 2024 00:00h.

A enquisa de Radio Coruña

O panorama político de cara ás próximas eleccións non pode ser máis cambiante, volátil e imprevisíbel. A enquisa encargada por Radio Coruña á Facultade de Socioloxía da UDC así o suxire. O bipartidismo imperfecto daría paso no concello coruñés a un novo mapa máis complexo e se como parece ninguén obtén 14 concelleiros haberá que facer pactos, números e política en definitiva.
Segundo a enquisa de Radio Coruña a xestión de Negreira recibe un sonoro suspenso e sitúase con 10 concelleiros moi lonxe da maioría absoluta de que agora dispón. Este é o primeiro dato relevante. Pode acontecer que moitos votantes do PP opten agora por outras opcións e mesmo que oculten os seus verdadeiros propósitos. Todos os demais contendentes, falta un total de 17 concelleiros, aínda que en diversa medida, discuten e rexeitan o labor do goberno municipal.
As formacións “vellas” perden unha parte do seu apoio que marchou cara outros lugares. O PSOE, con 6 concelleiros na enquisa, ten moi difícil presentarse como a alternativa logo dalgúns erros cometidos nos últimos tempos e nesta lexislatura. O BNG consegue dous concelleiros aínda avalado por un labor de oposición moi plausíbel e concorre entre tantas novidades como forza veterana da esquerda nacionalista.
E entre as formacións “novas” sorprende a emerxencia de C’S con tres concelleiros e o excelente resultado que a estas alturas consegue a Marea Atlántica a quen a enquisa concede 5 concelleiros. Os de Rivera, sen traxectoria coñecida na cidade, aínda non teñen que saibamos candidato nin equipo, ao mellor nin programa pero están arroupados polos éxitos electorais (Andalucía), algúns medios, as enquisas e por recoller votantes procedentes da UPyD. Que farán chegado o caso os dirixentes de C’S? Favorecer un novo goberno de Negreira ou permitir un goberno alternativo?
A Marea Atlántica é unha incógnita e aínda que vende ben o seu optimismo debe vencer a súa condición de formación novidosa, heteroxénea e pouco coñecida por unha parte dos electores. Estes poden colocala nunha posición inocua ou convertela nun actor determinante de cara á formación dun novo goberno municipal.  O seu líder, Xulio Ferreiro, é o único que consegue aprobar na enquisa de Radio Coruña aínda que só o coñece o 16% dos electores.
UC, cuxo líder obtén a peor nota entre os candidatos (3.10), entraría tamén en María Pita segundo este mesmo traballo.
A enquisa de Radio Coruña logrou situarse no epicentro de todas as análises e faladoiros aínda que algúns candidatos parecen non queren comentar os seus datos nin polo visto entender as súas mensaxes. Fan mal. Cábalas e números facémolos todos pero non vemos a algúns aspirantes moi seguros do seu éxito. Os que gobernan saben ben que poden perder a maioría absoluta e o goberno e preparan o camiño para futuros pactos soltando lastre e dispostos a abrazar o que até hai un momento desprezaban. 
Na oposición actual moitos parecen saír a non perder parte do que teñen e non debilitar o seu peso e influencia. E a Marea e no seu caso C’S non van ter fácil, os primeiros conseguir un número determinante de concelleiros e os segundos entrar con forza na corporación. Hai catro anos ningún coruñés votou a formación de Rivera que obtivo na cidade nas europeas 2704 votos. Sumados aos conseguidos UPyD nesas europeas teríamos xa un concelleiro. Pero a enquisa, sorpresivamente, xa lles outorga tres e no futuro poderían ser máis.
Non parece improbábel que o número de forzas políticas pase de 4 a 5, que o PP perdese a maioría absoluta e que fóra do PP se contabilizasen máis de 14 asentos. Sería o momento dos pactos para reeditar un goberno con base na forza minguante do PP ou para formular un goberno alternativo que pode ser favorecido pola Marea, o PSOE e o BNG. Todo pode acontecer. 
Pero que ninguén se preocupe. Os cidadáns temos a última palabra. Moita xente  parece non ter decidido o seu voto. A cidade vai ser gobernable co que diten as urnas porque iso é -ou non?- a democracia.