Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:02h.

Debate electoral no Coruñés Opina

Domingo limpo pero invernal na baía coruñesa. Radio Coruña celebra o debate entre os cabezas de lista ao Congreso pola Coruña. Un clásico moi esperado. Só quedou no tinteiro unha análise das políticas culturais e das referidas á normalización da lingua propia do país. Domingo de enquisas que anuncian un merecido retroceso do PP que sen embargo resiste ben en Galiza grazas ao electorado máis idoso. En Marea compite co PSOE para o segundo posto, colleita votos en diversos caladoiros “progresistas” e faise forte na Galiza urbana, ilustrada, internauta a base de mesturar esquerda e galeguismo. O PSOE perde folgos porque non é visto como alternativa fiábel ás políticas máis agresivas, precarizadoras e privatizadoras. O partido de Rivera –sen candidatos aquí que falen dos nosos problemas- consegue unha inmerecida cuarta praza relegando ao último lugar á candidatura de Nós que parece ceder parte dos seus votantes tradicionais e podería quedar sen representación nas Cortes españolas. O número de indecisos pode estar fixado nun relevante 25%.

Moderado por Isabel Bravo e coa opción de participación do público, o debate de Radio Coruña conta coa ausencia do representante de Ciudadanos. Moi sintomática dunha formación política que parece non ter nin unha idea que defender neste caso a respecto do vasto territorio coruñés no que viven 1.130.000 persoas e cun PIB de 25.000 millóns de euros, case a metade do total galego.

Miguel Lorenzo, número 1 polo PP, é un clásico da política coruñesa. Non perde ocasión sen vir a conta de criticar o goberno de Xulio Ferreiro e en xeral as políticas das chamadas mareas. Nótaselle que é o máis vello dos políticos da mesa, o único que se expresa en español, o único ausente nas redes sociais, o único que pretende convencer, sen moito éxito, de que a recuperación económica é un feito e de que o seu partido nos salvou da gran hecatombe. Recoñece que a economía non é o seu forte e non explica como se crea traballo digno, nin como se consente a irrisoria tributación das SICAV. Culpabiliza á UE das políticas que asfixian aos nosos sectores lácteo e pesqueiro sen asumir ningunha responsabilidade e é incapaz de formular nada concreto para resolver os problemas da sanidade nin o que recoñece como gran fracaso das políticas educativas. Os asasinatos machistas e o declive demográfico tampouco son ocasión para ningunha proposta minimamente estimulante. Nega que a corrupción sexa cousa de partidos e despreza a fraude fiscal, non considera este o momento de reformar a constitución e dá por feitas moitas cousas que aínda non vimos desde a Intermodal coruñesa até a resolución dos graves problemas que se concentran na Ría do Burgo.

Pilar Cancela, a número 1 polo PSOE, defende moi ben as posicións socialistas e sostén cousas irrefutábeis: que se vive peor que hai catro anos, que a economía galega está arruinada, que o mercado laboral precarizou e temporalizou o emprego, que os gobernos do PP nin dialogan nin pactan, que as políticas sociais foron moi agresivas ou que o rural está abandonado. Tamén previsíbel e irrebatíbel a súa defensa da educación e sanidade de todas das que, segundo ela o PSOE, sería o máximo creador e valedor. Nun previsíbel cambio constitucional maniféstase partidaria de que Galiza estea ao mesmo nivel que as outras nacións –ela fala de nacionalidades- do estado. Mesmo acepta o grave “erro” do seu partido na mudanza do artigo 135 e censura con dureza que o PP reducise notabelmente os recursos para combater a loita contra o feminicidio.

Carlos Callón, número 1 por Nós, alterna un sorriso neutro cun ton moi esixente para reclamar un espazo que permita que o proxecto do BNG siga nas cortes españolas. Para iso non desaproveita a ocasión de advertir dos perigos dun bipartidismo a catro –que afoga o seu espazo- e de falar dos problemas concretos de Galiza –e varias veces da Coruña, provincia e cidade. Callón nega a recuperación e resume na tríade paro/precariedade/emigración as lacras dun país ao que non se lle permite producir, vivir e ao que tamén se lle “rouba” parte do seu aforro. Defende que os deputados do BNG estiveron sos defendendo os intereses galegos dentro do que chamou “disciplina de país”. Moi crítico coa desaparición de millares de profesores ou cos copagamentos sanitarios fixo unha análise certeira das medidas que poden frear a corrupción e a fraude fiscal e reclamou que Galiza reforce o seu peso político no conxunto do estado. Partidario dunha banca pública galega, Carlos Callón tivo palabras para a estafa das preferentes e para a actuación consentida nas desaparecidas caixas.

Antón Gómez-Reino, en representación de En Marea, é persoa tranquila. Nega os datos económicos do PP e  establece un mapa político presidido pola precariedade laboral, a fiscalidade inxusta, a destrución do tecido económico no ámbito rural, a emigración dos mozos mellor formados, trazos dun modelo produtivo que cómpre mudar radicalmente. Moi crítico cos recortes en sanidade e educación, partidario de tomar medidas efectivas contra os asasinatos machistas e coa serie sen fin de casos de corrupción, Gómez-Reino conecta coa rebeldía vivida con éxito nas pasadas eleccións municipais. Tamén partidario dunha banca pública e dunha constitución que garanta por igual dereitos sociais e nacionais, Gómez-Reino transmitiu a ilusión de cambio que se vive en Galiza e que, nas súas previsións, será unha realidade o 20D.

A moderadora do debate, Isabel Bravo, deixaba unhas preguntas que cómpre responder o día 20. Nós cremos que o bipartidismo vai desaparecer tal como veu operando até hoxe, que non haberá maiorías absolutas, que o PP vai pagar moi caro a súa política económica e social e que haberá que buscar respostas aos grandes problemas que nos agardan o 21D.

Porque vivimos nunha fase política na que máis ca nunca nos corresponde a nós, cidadáns e cidadás, votar pero tamén tomar parte activa no desenvolvemento da lexislatura para defendermos daquelas agresións que nos empobrecen e que perverten a democracia mesma. A nós preocúpanos o avance da desigualdade, da exclusión, da pobreza entre nós. Como dicía Nelson Mandela “A pobreza é creada polo home e pode erradicarse mediante accións dos seres humanos. E erradicar a pobreza é un acto de xustiza”. Pois iso.