Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:00h.

Das medallas Castelao

Se quere o presidente da Xunta reivindicar e practicar o conxunto ideolóxico que encerra o nome de Castelao ten todo un universo por diante e unha tarefa laboriosa. Como profesor que coñece ese conxunto podo dicirlle ao señor presidente que o seu suspenso é categórico e rotundo. E que vista a súa práctica política non parece a persoa máis axeitada para usar o nome de Castelao contra algúns dos seus seguidores.

Para entregar e recibir as Medallas Castelao hai que posuír e cultivar a dignidade imprescindíbel –no primeiro caso-  e merecela moi indiscutibelmente, no segundo.

Se do que se trata é de fortalecer a identidade nacional galega, comezando polo noso idioma propio, e facela valer no actual escenario político o presidente da Xunta ten poucas leccións que dar pero pode aprender moito dalgúns dos alcaldes democráticos galegos que por decisión da cidadanía non pertencen ao PP, como acontece nas tres cidades coruñesas.

Que un presidente da Xunta en permanente ameaza de abandonar a política galega, convertido en valedor das políticas máis destrutivas do tecido socioeconómico, lingüístico e cultural aproveite a solemnidade dun acto institucional para intentar ensinar o que non aprendeu e corrixir o que até os cristiáns de base aplaudiron parécenos un síntoma de que a vella política camiña inexorabelmente até a súa extinción.

Cando o presidente da Xunta fale menos de nacionalidade histórica e practique políticas que defendan os dereitos da nación galega na arquitectura do estado -como quería Castelao- entón non ousará corrixir aos que lle levan moito adianto nesa práctica e nese compromiso.

Non coñezo maior fanatismo que o daqueles que inventaron a imposición do galego para ocultar a súa flagrante regresión nin maior barbarie que aplaudir un modelo económico que na Galiza fixo medrar a pobreza, a exclusión, o paro ou o traballo en condicións precarias e indignas.

As Medallas Castelao non son a mellor ocasión para desnaturalizar o pensamento do rianxeiro nin para exhibir un discurso reaccionario. Deberan ser un punto de encontro protagonizado pola cortesía, a altura de miras, o respecto institucional e o propio pensamento medular de Castelao, do que o presidente da Xunta vive tan afastado.