Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:01h.

O conto das contas

Aínda que se se trata dun documento moi técnico e de difícil lectura para os profanos na materia, botamos un ollo ao Informe (pode verse en www.coruna.es)  que a Intervención Xeral do Concello da Coruña asina o pasado día 30 para describir cal é a súa situación económica e financeira a 15 de xuño e facelo para atender a lóxica petición que lle realiza o novo equipo de goberno. Xa que o traspaso de poderes non foi nada exemplar que menos que usar os traballadores do Concello para saber algo tan importante como as contas. Súmase o dito polo Informe ao que sabíamos da enorme débeda financeira que pasaba dos 75 millóns a finais de 2014, triplicando a de Vigo. A de provedores andaba polos 32 millóns. Un ano antes a débeda xa ultrapasaba os 78 millóns.

O que o Informe deixa claro –números cantan e contan- é que as desviacións negativas ascenderon a -39 millóns este ano e -17 millóns o anterior, que a ratio de liquidez inmediata baixou do 1, que a solvencia financeira xa era escasa en 2014 e, citamos textualmente “existe risco de que a solvencia a curto prazo do concello a presente data resulte deficitaria e insuficiente”. O mesmo Informe propón unha nova axenda fiscal que equilibre pagos e cobros e advirte que a situación pode condicionar mesmo as contas de 2016 xa que as facturas a pagar en xullo e agosto suman 20 millóns.

O que se deduce deste informe aos ollos dun cidadán é que a xestión económica do anterior goberno foi pésima e que mentres xustificaban recortes e redución do estado do benestar gastaban con alegría, incrementaban a débeda, acometían obras faraónicas e polo visto comprometían moi seriamente a xestión do novo goberno municipal como mínimo para o que resta de 2015.

As informacións menos rigorosas pretenden confundir coa autoría do Informe, imputándolla ao novo goberno e nin reclaman que tratándose dun asunto tan relevante provoque a comparecencia do anterior alcalde. Nesta cidade é un clásico irse de María Pita sen dar conta de nada aínda deixando pufos multimillonarios. Negreira vai facer dobrete en María Pita e na Deputación, só o vimos nos últimos días en Alvedro nunha inauguración pero debera ofrecer como alcalde que foi e como concelleiro que é algunha explicación do que se vendía como unha xestión fiábel que fornecía estabilidade e permitía vivir no mellor dos mundos. O silencio ademais de pesado alimenta as peores hipóteses e non contribúe ás novas formas que demandan este ciclo político.