Buscar
miércoles, 15 de mayo de 2024 00:00h.

Cidades rebeldes

O encontro de diversas organizacións municipalistas reunidas na Coruña o pasado fin de semana permitiu intercambiar experiencias, evidenciar desafíos e atrancos comúns e ollar o futuro xa coa experiencia breve pero intensa de medio ano na gobernanza das cidades.
Aforrareille ao lector e lectora a nómina completa dos e das  participantes que xa coñecerá para centrarme na substancia no que dixeron nos actos das Cidades polo Ben Común. Como eixo central da actuación destes novos políticos a xente, a xente sen casa, a xente expulsada do país, a xente excluída, a xente chamada a participar nas institucións, a xente que quere traballar, a xente que xa traballou e quere vivir tranquila, a xente vítima da violencia de xénero, a xente que quere aplicar a lei da memoria histórica, a xente que quere normalizar o uso das linguas do estado, a xente que detesta a corrupción, a xente que articula unha fiscalidade máis xusta, a xente que chega buscando un abrazo.
Estas cidades rebeldes gobernan grandes e medianas urbes do estado contra todo prognóstico, coa oposición xa non do bipartidismo senón tamén de importantes grupos de comunicación e de poderes económicos que non se retirarán de bo grao de prácticas que á cidadanía non lle saían a conta. Usaban as cidades como xoguetes lucrativos. Haberá que remunicipalizar servizos cando conveña, non roubar, non endebedarse máis da conta como fixo Madrid, seren cidades cuspidiñas á xente como a maioría de nós.
Cidades rebeldes con xente sen experiencia pero con competencia que cometerán erros pero non levarán un peso que non lles pertenza e velarán polo diñeiro público de todas. Xente que reclama feminizar a política e municipalizala, xente que precisa o 20D unha sorte de reválida porque algo parece claro: as cidades rebeldes poden ser moi agredidas ou axudadas dependendo do resultado das xerais.
Afeitos a loitas fratricidas entre cidades, tamén entre as galegas, este encontro proclama o valor da fraternidade, da cooperación, da posta en común de códigos e recursos, da actuación en rede, unha rede ao servizo do ben común, da xente. Desde ópticas ideolóxicas que abranguen moitos matices pero que non impiden a cooperación.
Cidades fraternas, laicas, sociais, feministas, ecoloxistas, sustentables, intrusas, galeguistas, catalanistas, euscaldunas, diversas, innovadoras, transversais, rebeldes e revolucionarias, populares e de barrio, erráticas cando toque, cidades cuxos gobernantes viaxan en transporte público e prescinden mesmo de privilexios que lles corresponderían.

Non son as cidades da Gürtel, da Pokemon, da Pikachu, da Patos, dos ERE, de tantas atrocidades vistas nos últimos anos. Combaten a opacidade, a especulación, o entreguismo do que é de todas. Pola contra fan unha defensa da educación pública, da sanidade pública, do dereito á vivenda. Do conxunto de servizos sociais. Das persoas. Son as cidades contra as guerras e os bombardeos, cidades solidarias contra o odio, a fame, contra as desigualdades. 
Para min estas cidades e as persoas que as gobernan e alimentan son unha oportunidade que se nos ofrece á cidadanía de resetear a democracia e de conquistar un mínimo de dignidade. Unha dignidade, coma sempre, rebelde.