Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 19:51h.

Agosto non existe

Xa terán notado que agosto non  existe. Nunca existe. Este ano tiven moi perto de min a persoas que pasaron cada un dos seus días traballando até a extenuación porque aínda sen existir agosto devora a escasa enerxía con que comezamos o mes. Sexamos titulares ou bolseiros.

Para outros agosto foi o mes das inclemencias e o mal tempo torturou e esnaquizou moitas ilusións.

Agosto é un mes onde todo é posíbel e imposíbel, a lectura dos libros atrasados, as viaxes máis insólitas, os encontros insospeitados, as experiencias únicas por humildes que fosen. Razón de máis para afirmar que non existe.

Agosto é unha mentira que construímos, un espazo baleiro, un animal chamado néboa poño por caso, un tempo que xa non hai porque non hai vacacións dun mes nin desconexións tan extensas.

Este agosto a min non me cundiu. Fixen menos do que quixen. Quixen axudar a que outros levasen o seu labor da mellor maneira posíbel. E pasou por riba de min como unha exhalación sen broncearme nin agasallarme cos seus aloumiños.

Non queda outra que asumir setembro e as súas ameazas de menos luz, de menos tempo, de máis traballo. Pero iso é a vida. Comeza un curso político no que a nivel local veremos o que dá de si o goberno da Marea e como traballan os grupos da oposición. Xogo democrático cada vez máis duro.

Máis lonxe, Cataluña e a súa dignidade impórtanos moito. Haberá que ouvir a súa voz e entender as súas mensaxes. E en nada eleccións xerais. Con todo por decidir e a posibilidade dun proceso constituínte. Cunha Europa ferida pola traxedia grega e unha arquitectura cuestionada máis ca nunca. E un mundo ateigado de guerras e refuxiados, desigualdades e inxustizas clamorosas. Coa ameaza dun cambio climático que cada vez parece máis real.

Fáganme caso. Vivan con plenitude cada día. Cada semana. Cada mes. Escoiten a radio porque resiste moi ben os cambios tecnolóxicos e aínda é un espello fiábel. Cada vez máis interactivo. E esquezan agosto, ese mes que, ben mirado, non existe.