Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:00h.

24M: Saber gañar, saber perder

Sempre me resultou moi interesante a forma con que os deportistas asumen a vitoria e a derrota. Saber perder, asumilo, recoñecelo, facer autocrítica e felicitar cordialmente ao rival é propio en termos deportivos dos grandes, case diría dos máis grandes. Tampouco é fácil saber gañar, máxime cando se gaña por moi pouco, no último minuto de partido, cando se consegue contra prognóstico, cando David vence a Goliat. Un pode correr o risco de morrer de ledicia.

Coa política acontece algo parecido. Nas primeiras horas e xornadas despois de escrutados os votos temos a impresión de que a Marea Atlántica soubo gañar e dixerir ben a súa vitoria, sen euforias desmedidas e con respecto e mans abertas a outros contendentes electorais que non contaron co favor popular. Pola contra os partidos que perderon o apoio da xente non parecen asumir a derrota nin tirar consecuencias construtivas.

O PP tardando demasiado en dar a cara, cuestionando dalgunha maneira os resultados e sobrepasado pola perda de poder político na cidade e na deputación, na provincia e no conxunto do país. A cidade castigounos coa oposición.

O PSOE apelando na primeira hora á antigüidade do partido e negándose a recoñecer e a avaliar as causas que os levaron a un resultado catastrófico que debera acender todas as alarmas se non queren dirixirse á periferia da política local logo de gobernar a cidade durante un cuarto de século. Teñen por diante un longo exercicio de autocrítica e rexeneración.

Pola súa parte, o BNG faría moi mal se non recoñecese a regresión que en apoios populares vén rexistrando na cidade desde 2007 (25.000 votos) até 2015 (menos de 7000). Por moi boa oposición que fixeran e por moi bo candidato e programa que presentaran a estas eleccións. A Marea, que saibamos, non se goberna desde Madrid e non nega as aspiracións soberanistas de ninguén e integra dentro de si unha parte do voto nacionalista que na actual conxuntura entendeu esta opción como a mellor para derrotar ás políticas da dereita.

Pero a vitoria da Marea, non nos enganemos, non se debe só ás forzas políticas que a integran, nin aos brazos e cabezas dos mareantes sen adscrición partidista, moi lexítima. Nin aos moitos erros do goberno do PP. Nin ás erráticas estratexias dos outros contendentes. A vitoria débese a que a Marea acabou por constituírse como unha ferramenta ilusionante e críbel para moitos millares de coruñeses que pertencendo a diversos grupos sociais e a moi diversas posicións ideolóxicas –como reclamaba a Marea- votaron por un cambio posíbel e real. Que os defendese a todos –nacionalistas e non nacionalistas, comerciantes e obreiros, universitarios e ninis, do centro e da periferia, parados e traballadores, mozos e veteranos, mulleres e homes da Coruña real- das políticas máis antisociais, das prácticas máis corruptas, das ofensas máis graves que a xente do común recibiu en moito tempo.

Isto que pode dicirse da Marea non se pode dicir dos outros aspirantes. Non conseguiron conectar con esas demandas. Quen gaña sempre ten votos prestados –tívoos o PP entre 2011 e 2015- e sempre corre o risco de devolvelos. Nas mans dos mareantes e das súas políticas vai estar conservar, incrementar ou perder o depósito de confianza que agora posúen. En principio todo pode acontecer.

Un botou en menos que desde as forzas políticas perdedoras non soubesen ou non quixesen ler alto e claro o ditado das urnas. No seu caso saber perder. Agardamos que durante a lexislatura cada quen estea no seu lugar. O goberno da Marea, con mareantes e mesmo con concelleiros doutros grupos, consagrado a satisfacer a demanda dos seus votantes e a gobernar ben a cidade. Os concelleiros da bancada progresista a apoiar aquelas políticas –as sociais, por exemplo- que deben unilos. E a bancada conservadora a facer leal oposición para facer méritos para algún día recuperar o depósito de confianza que perderon e que malgastaron en só catro anos.