Buscar
martes, 14 de mayo de 2024 00:01h.

100 días dabondo

Ao se cumpriren os primeiros 100 días de goberno da Marea cadaquén bota as súas contas e conta os seus contos. O labor do equipo de Xulio Ferreiro está acompañado de moitos atrancos e dificultades como se comprobou nas fracasadas tentativas de aprobación dun modificativo de crédito ou na previa organización do concello.
O balance que nós facemos é positivo. Excluída a corrupción e os seus pesadelos, o novo goberno vaise facendo coa complexa estrutura municipal, tenta implementar as súas medidas e cumprir cos seus compromisos e realiza unha defensa de cidade exquisita nos terreos da Mariña, nos desafectados no porto interior ou no edificio Conde de Fenosa.
Fronte ao goberno hai un PP que non encontra o seu sitio e que parece non asumir os resultados electorais que o colocaron na oposición.  Practica un non a todo que tantas veces criticou. Ao PSOE cústalle ofrecer ao goberno unha colaboración máis leal que non remataba con facilitar a investidura de Ferreiro e o BNG debe decidir como estratexia ou apoiar as políticas nitidamente progresistas da Marea ou xogar a unha sorte de tensión permanente para non perder comba e xustificar un espazo político á esquerda e á marxe dos mareantes.
A lexislatura vai ser moi dura. Vese nos plenos que agora son máis públicos ca nunca. Superados os primeiros meses, noutra conxuntura económica, con outros orzamentos e máis experiencia, a Marea pode desenvolver o groso do seu paquete programático. E aclimatarse ás posibilidades reais de gobernanza. De momento cremos que a xente que votou Marea está satisfeita e que entre os non votantes hai marxe para a confianza cando non para a satisfacción por algunhas medidas xa tomadas, desde a aplicación da Lei da Memoria Histórica, o escano cidadán, a defensa práctica do galego ou os traballos para a organización distrital.
Estes 100 días son dabondo polo menos para  contrapoñer o modelo de cidade que inaugurou o vazquismo e que rematou co goberno de Negreira e estoutro que vén cargado de novidades e dalgunhas necesarias transgresións. O interese colectivo está en xogo. Iso que chamamos ben común. Comentaremos o que aconteza.