Buscar
sábado, 20 de abril de 2024 00:00h.

Mareas e mareados

A erosión e por veces descomposición que se percibe en moitos elementos da vida pública –véxase nas últimas horas a operación Púnica- provoca unha desconfianza da cidadanía nos partidos políticos sistémicos e en varios dos outros actores: organizacións empresariais e sindicais, órganos de control e fiscalización e múltiples institucións do estado. A asunción de responsabilidades conclúe ás veces nunha simple e pouco críbel petición de desculpas.
Así as cousas resulta explicábel a emerxencia de diversas iniciativas chamadas a rexenerar a política, corrixir os mil e un episodios de corrupción e propoñer un novo modelo de xestión máis acorde coas necesidades reais da xente que se sente con razón humillada e preterida. Desconcertada.
Primeiro a aparición de AGE en Galiza e a seguir o éxito electoral de Podemos nas últimas europeas vense agora acompañados con vistas ás próximas eleccións municipais por diferentes iniciativas que se presentan como nacidas daquela xente que precisa pasar á acción e poñer freo a tanta desorde e a tanta inxustiza.  Guanyem Barcelona con Ada Colau como cabeza visíbel é unha das máis emblemáticas.
Especialmente o PSOE e o PP temen a irrupción de quen se logra o favor popular pode acabar co bipartidismo hexemónico e cuestionar a maneira en que se xestiona unha crise que parece antes que nada saqueo. Por iso un día si e outro tamén arremeten contra todo aquel que non concorda co seu modus operandi en tantas cuestións neurálxicas: o desemprego, Cataluña, o estado do benestar, o financiamento dos partidos, o problema da débeda, o funcionamento das empresas públicas, a actualización da constitución, a revisión do mercado laboral, a política exterior e tantas outras.
No atinente aos partidos da esfera da esquerda teñen ante si dúas posibilidades. Unir humildemente as súas forzas a esas mareas cívicas mesmo renunciando a marcas electorais consolidadas e a traxectorias de décadas ou pola contra desmarcarse da rebelión cidadá para manter a súa identidade electoral individual e ao tempo, opinamos nós, facerlles un gran servizo aos dous grandes partidos do estado. O debate para eles podería formularse así: humildade ou egoísmo. Quen non resolva satisfactoriamente ese debate pode acabar varrido do mapa político ou severamente reducido.
Aquí na Coruña, mentres deglutimos o último escándalo de corrupción –o da chamada operación Zeta- e non comprendemos algúns dos gastos faraónicos, está todo sen decidir. Aínda non sabemos se vai haber unha candidatura na que conflúan as mareas e outros sectores da esquerda, nin quen será a súa cabeza visíbel. O que si sabemos é que os verdadeiros poderes na cidade, especialmente aqueles para quen o goberno en María Pita é determinante en termos de negocio e influencia, farán o posíbel e o imposíbel para fechar o camiño a quen alente con determinación unha auditoría de contratos e débedas, unha verdadeira participación cidadá, a defensa dos servizos públicos, a recuperación doutros indebidamente privatizados ou o seguimento escrupuloso dun compromiso ético.
Cremos que toca superar vellas lóxicas partidarias e facer agromar un novo tempo político no que os vetustos políticos de profesión deberan ir por detrás da xente que deu un paso adiante, que venceu a preguiza e que se revela ofrecéndonos a todos unha migalla de ilusión e de esperanza. Porque o que está en xogo non é o statu quo deste personaxe ou daquela formación, o que está en xogo é a esencia da democracia e as posibilidades de reescribila de abaixo para riba, desde a cidadanía até as institucións.
Estamos mareados pola suma e segue de corruptos, polo avance da pobreza e da desigualdade, polos traballos que non dan para sobrevivir, polo rescate de quen practicou o asalto ás institucións financeiras e polas altas indemnizacións coas que se pagou a incompetencia, polas intolerábeis cifras de desemprego. Gustaríanos no caso galego coñecer polo miúdo a trama completa dos cursos de formación, todas as súas anomalías e a asunción inmediata das responsabilidades políticas que apuntan a varias administracións. 
Por iso cremos que é o momento de que pase algo. Algo grande. Contundente. Intuímos que os votantes van falar alto e claro. A xente tense que remexer. Como unha marea que perturbe, que rexenere, que nos salve. E á salvación non lle podemos ter medo. Porque a alternativa sería prolongar a desesperación e o sufrimento